Ola de novo a
todas e a todos! Nesta entrada do blog tratarei os contidos vistos na última
sesión (día 4 de febreiro) coa docente Cristina, que versou sobre a avaliación e o uso de rúbricas na aula de linguas estranxeiras. Avaliar consiste en
recoller datos de maneira sistemática para tomar decisións dentro do proceso de
ensino-aprendizaxe e debe facerse de maneira transparente, consistente e
presentando uns obxectivos claros (ollo, non confundir con cualificar, que é
soamente poñer unha nota numérica!). Existen diversos tipos de avaliacións: a
inicial ou diagnóstica, a formativa ou continua e a sumativa ou final. Ademais
de que o docente avalíe aos alumnos, que sería a chamada heteroavaliación, o
alumnado tamén se pode avaliar a si mesmo, é dicir, facer unha autoavaliación,
ou avaliarse entre os compañeiros, levar a cabo unha coavaliación. Do mesmo
xeito, é fundamental que o profesorado avalíe a súa propia práctica docente
para ver se é preciso modificar algún aspecto da metodoloxía empregada.
En primeiro
lugar, a avaliación inicial ou
diagnóstica é aquela que se leva a cabo para saber de onde partimos, é
dicir, que contidos, destrezas e habilidades xa teñen adquiridas os alumnos. Penso
que é preciso facer este tipo de avaliación non só ao principio do curso, senón
tamén ao comezo de novas unidades para asegurarnos en todo momento de que o
alumnado conta cos recursos precisos para chegar aos obxectivos marcados e,
tamén, para que estes se familiaricen cos contidos que se van tratar. Por outro
lado, a avaliación formativa ou continua,
denominada en inglés como assessment for
learning, consiste en monitorar a aprendizaxe dos alumnos de maneira
continua e proporcionarlles feedback
para que poidan identificar os seus puntos fortes e débiles e centrarse no que
poden mellorar. Esta tamén permite ao profesor identificar as áreas nas que os
alumnos teñen máis dificultades e tomar decisións en canto á modificación da
metodoloxía, á implementación de reforzo, entre outras medidas. Por último, a avaliación sumativa ou final comprende
a suma de todos os resultados obtidos nas avaliacións co obxectivo de acreditar
os coñecementos adquiridos e cualificar ou certificar ese proceso de
aprendizaxe.
Aínda que os tres
tipos de avaliación son precisos e fundamentais no proceso de
ensino-aprendizaxe, na miña opinión, o tipo máis importante é a avaliación
formativa, xa que ocorre nun prazo máis longo e continuado no tempo e
permite o progreso efectivo na aprendizaxe por parte dos alumnos e a mellora da
labor docente. Canta máis información vaiamos recollendo dun alumno ao longo do
curso, saberemos mellor como avanza e o que debe facer para alcanzar os
obxectivos propostos. Con todo, non serviría de nada recoller datos do progreso
do alumnado se non somos capaces de proporcionarlles feedback para que poidan
actuar ante calquera problema. O feedback
pode dárselle ao alumnado de maneiras moi diferentes, a máis coñecida é cunha
nota numérica, pero outras máis efectivas serían a través de comentarios por
escrito ou reunións presenciais na aula de maneira informal, por exemplo. Durante
a sesión, fixemos un debate sobre as vantaxes e desvantaxes dos distintos
xeitos de dar feedback e concluímos
que unha das mellores formas é facelo mediante comentarios, pero asegurándonos
sempre de que o alumnado asimila correctamente esa información e a entende. Na
miña opinión, unha nota numérica non aporta información sobre como mellorar e
pode ter moitas desvantaxes tales coma a competitividade e a comparativa entre
compañeiros, a relaxación ou frustración, etc. Sen embargo, estamos tan
habituados a este sistema que resulta complicado cambialo e penso que o
alumnado estaría un pouco perdido ao principio se non lle aportamos unha
cualificación. Relacionado con este tipo de avaliación, atopei moi útil o que
discutimos na sesión sobre as diferentes estratexias para poder incorporar de
maneira efectiva a avaliación formativa na aula. É importante, en primeiro
lugar, que compartamos co alumnado o que se espera deles. Isto pode facerse,
por exemplo, traballando coas rúbricas para que se familiaricen con elas,
empregando mostras de traballos exemplares, etc. Con todo, unha das propostas
para levar isto a cabo e que considero que serán máis efectivas é a da coavaliación e autoavaliación; a través das cales conseguiremos que os alumnos se
responsabilicen da súa propia aprendizaxe e da dos seus compañeiros, ao mesmo
tempo que adquiren unha habilidade que lles será útil para toda a súa vida.
Unha vez tratados
os diferentes tipos de avaliación, é interesante coñecer os instrumentos que podemos deseñar e
empregar para levalas a cabo. Os exames, aínda que útiles para avaliar certos
aspectos, non resultan eficaces nin xustos para a recollida de datos
sistemática. O feito de realizar un exame nun día en concreto pode condicionar
o resultado do alumnado, xa que interveñen factores de medo, ansiedade,
nervios, problemas puntuais, etc., polo que non nos estará amosando a realidade
completa do proceso de aprendizaxe dese alumno. Existen outros instrumentos
máis innovadores e que se adaptan mellor á realidade actual, tales coma as listas
de chequeo, a observación, os sondeos, as charlas e entrevistas, as rúbricas, os
baremos, os diarios, etc. Coma vos adiantaba na entrada anterior, as rúbricas constitúen un dos mellores
instrumentos para a avaliación formativa das diferentes actividades da lingua
porque, por un lado, o alumno pode comprobar de maneira sinxela o nivel no que
se atopa e o que debe facer para avanzar na escala e, por outro lado, son moi
fáciles de empregar polo docente. Non obstante, para que o seu uso resulte
favorable deben estar moi ben redactadas, ser descritivas e amosar os
obxectivos de aprendizaxe de maneira clara. Para que unha rúbrica sexa unha
rúbrica, debe conter tres elementos: unha escala de cualificación, uns
criterios e unhas descricións. Os criterios deben ser claros e que se poidan describir
en diferentes niveis, e escala debe dividirse por niveis e ser coherente cos
criterios e descricións que se empreguen e, finalmente, as descricións deben
ser progresivas, reflectir de maneira completa o que se espera do alumnado e amosar
unha linguaxe sinxela.
Para concluír,
gustaríame engadir que na aula levamos a cabo numerosas actividades para poñer
en práctica toda a teoría tratada. A maioría delas desenvolvéronse en forma de
debates, primeiro por parellas ou tríos e logo entre todos, para comprobar
tanto os nosos coñecementos previos ao tema coma para expresar a nosa opinión
ao respecto. Atopo este tipo de debates moi enriquecedores porque non só nos
permiten reflexionar sobre o tema de maneira individual durante uns minutos
para asimilar a información, senón que a opinión do resto de compañeiros
permítenos ampliar as nosas fronteiras e ver temas que ao mellor non
consideráramos. Ademais, realizamos un par de actividades máis prácticas
consistentes en volver á actividade de mediación que deseñáramos anteriormente
e aplicarlle unha avaliación formativa. No meu grupo, decidimos empregar unha
lista de chequeo que poidan usar tanto o docente coma os propios alumnos para
realizar unha autoavaliación e unha coavaliación da tarefa. A modo de
comentario final, dicir que este tema pareceume moi interesante porque, a pesar
de telo tratado noutras materias, aínda tiña moitas dúbidas ao respecto. Penso
que a avaliación require de moito tempo por parte do docente, tanto fóra da
aula coma dentro, se pretendemos formar ao noso alumnado a realizar
autoavaliacións e coavaliacións. No entanto, os beneficios que aporta son
abismais, tal coma demostran diversos estudos. Na miña opinión, deberíamos ir
esquecéndonos das notas numéricas e empregar outras formas de avaliación que
sexan probas verídicas da aprendizaxe de cada alumno.
Aquí vos deixo
algúns enlaces de interese, saúdos!
British Council
(s.f.). Assessment for Learning.
Recuperado de: https://www.teachingenglish.org.uk/article/assessment-learning
Cortés de las Heras, J. (2014). Diseño de rúbricas. Cuaderno de instrumentos de evaluación #2. Recuperado de: https://www.santiagoapostolcabanyal.es/wp-content/uploads/2017/08/Dise%C3%B1o-de-r%C3%BAbricas.pdf
Ezeiza Ramos, J. (s.f.) Instrumentos para la evalución formativa en los programas de enseñanza de lengua con fines específicos. XX Congreso Internacional de la Asociación para la Enseñanza del Español como Lengua Extranjera (ASELE). Recuperado de: https://cvc.cervantes.es/ensenanza/biblioteca_ele/asele/pdf/20/20_0392.pdf
Wride, M. (2017). Guide to Peer Assessment. University of
Dublin: Trinity College. Recuperado de: https://www.tcd.ie/CAPSL/assets/pdf/Academic%20Practice%20Resources/Guide%20to%20Student%20Peer%20Assessment.pdf


