Tema 5: O deseño curricular base (DOSIER)


Ola compañeiros e compañeiras! Nestas entradas de dosier irei compartindo as actividades individuais e colectivas que realizamos na aula na materia de “As Linguas Estranxeiras no Contexto Español e Internacional”, así coma unha reflexión das mesmas. Nesta primeira entrada, tratarei aquelas correspondentes ao tema 5 denominado “O deseño curricular base” que vimos durante o 21 e o 28 de novembro.

A primeira actividade que realizamos foi un debate piramidal, é dicir, comezamos por parellas a discutir sobre o que sabíamos do currículo, dos seus elementos, das competencias e dos graos de concreción curricular, e logo pasamos a grupos de catro, despois de seis, posteriormente de oito e, finalmente, toda a clase. A actividade foi sinxela, posto que xa realizáramos debates deste tipo noutras materias e tamén coñecíamos a teoría tratada. Con todo, penso que foi unha boa actividade para iniciar o tema, para ver o que sabíamos del e refrescar as ideas coa axuda de todos os compañeiros e compañeiras.

Outras das actividades que realizamos en ambas sesións foi un cuestionario a través da aplicación Kahoot sobre a distribución competencial da ESO e do Bacharelato, por unha parte, e da EOI, por outra. O primeiro cuestionario realizámolo de maneira individual e o segundo mediante a modalidade de grupos. Pareceume unha actividade moi dinámica mediante a cal repasamos e aprendemos conceptos ao mesmo tempo que competiamos e nos divertiamos. Penso que é unha boa ferramenta para empregar na clase e facela máis dinámica, aínda que considero que debería facerse de forma anónima para evitar rivalidades.


Por último, en ambas sesións realizamos unha actividade que consistiu en crear unha presentación oral, primeiro en grupo e logo individual, a través da información recadada e recollida nun documento de Google Drive. No meu grupo, fixemos a presentación sobre a organización e a distribución de competencias na Formación Profesional, podedes facer clic na ilustración de máis abaixo para acceder ao arquivo da presentación. Considero que este tipo de actividades son de gran utilidade para as clases, pois non só nos permite practicar a expresión oral ao presentar ante os nosos compañeiros e avaliarnos entre nós, senón que tamén mobilizamos destrezas relacionadas coa busca de información e a toma de decisións que considero fundamentais.


En conclusión, atopei as actividades realizadas neste tema 5 moi útiles e de interese, pois permitíronme afianzar e adquirir novos coñecementos relacionados co deseño curricular dunha maneira máis dinámica e activa. O feito de facer as mesmas actividades de maneira individual e grupal é unha moi boa opción, xa que ambas variedades nos aportan cousas distintas. Por unha parte, en grupo aprendemos a colaborar e a poñernos de acordo, ademais de que podemos aprender das dúbidas e dos coñecementos que teñan os nosos compañeiros. Por outra parte, de maneira individual podemos gañar independencia e autonomía, ao mesmo tempo que autoavaliamos os nosos propios coñecementos, habilidades, actitudes e destrezas.

Para finalizar, aquí vos deixo algúns enlaces relacionados con esta entrada. Léovos nos comentarios!

Martínez, G. (2017). Tecnologías y nuevas tendencias en educación: aprender jugando. El caso de Kahoot. Recuperado de: https://dialnet.unirioja.es/descarga/articulo/6228338.pdf

Moll, S. (2014). ¿Para qué sirve Google Drive en el aula? En Justifica tu Respuesta. Recuperado de: https://justificaturespuesta.com/para-que-sirve-google-drive-en-el-aula/

Ramírez, I. (2018). Kahoot!: qué es, para qué sirve y cómo funciona. En Xataka. Recuperado de: https://www.xataka.com/basics/kahoot-que-es-para-que-sirve-y-como-funciona

Tema 4: Os niveis de referencia da aprendizaxe de linguas e o desenvolvemento de competencias

As competencias socioculturais e a linguaxe corporal


 

Coma vimos na entrada anterior, o Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCER), na súa definición do uso da lingua, inclúe diversas competencias que o usuario dunha lingua emprega á hora de realizar tarefas comunicativas. Nesta entrada do blog, trataremos os distintos tipos de competencias definidas no Tema 4, pero centrarémonos principalmente nas competencias socioculturais e, en concreto, no aspecto da linguaxe corporal e a importancia que consideramos que ten na ensinanza de linguas estranxeiras.

As competencias son unha suma de coñecementos, destrezas e características que posúe unha persoa e que foi desenvolvendo durante a súa experiencia anterior. Estas permítenlle realizar tarefas e actividades requiridas en diversas situacións comunicativas. As competencias de cada persoa están en continuo desenvolvemento e, aínda que precisamos de todas as competencias humanas no seu conxunto para ser capaces de comunicarnos, o Marco distingue entre as competencias xerais e as competencias comunicativas da lingua. As competencias xerais non están relacionadas directamente coa lingua e recorremos a elas para todo tipo de accións, estas están compostas por: o coñecemento declarativo, as destrezas e habilidades, a competencia existencial e a capacidade de aprender. Ademais, dentro de cada unha, existen diversas subcompetencias. Por outra parte, as competencias comunicativas son as que permiten que unha persoa actúe empregando medios lingüísticos. Estas divídense en competencias lingüísticas, sociolingüísticas e pragmáticas.

Dentro do coñecemento declarativo temos o coñecemento do mundo, o sociocultural e o intercultural, competencias que consideramos fundamentais na aprendizaxe dunha lingua estranxeira, pois cultura e lingua non poden separarse nunca. En concreto, o coñecemento sociocultural baséase en coñecer a sociedade e a cultura da comunidade ou comunidades nas que se fala o idioma que se está a aprender. Segundo o Marco, debe dárselle importancia a este aspecto xa que pode que o alumno non posúa estes coñecementos a través da súa experiencia previa ou, se o fai, pode que estean distorsionados por estereotipos. O MCER, ademais, menciona aqueles trazos distintivos dunha sociedade e dunha cultura que o alumno debe coñecer: a vida diaria, as condicións de vida, as relacións persoais, os valores, as crenzas e as actitudes, a linguaxe corporal, as convencións sociais e o comportamento ritual.

A linguaxe corporal, aínda que considerada coma competencia xeral, está directamente relacionada co aspecto lingüístico, pois complementa a comunicación verbal e, en ocasións, adquire significado por si mesma. O Marco, ademais, inclúe un apartado específico para tratar a comunicación non verbal, dividíndoa en accións prácticas, paralingüísticas e paratextuais. A linguaxe corporal defínese coma a capacidade de transmitir información sobre diferentes aspectos co propio corpo, a través de xestos, posturas, expresións faciais, contacto visual e corporal, proximidade, movementos, etc., é dicir, existen diversas áreas, tales coma: o movemento corporal ou a kinésica, as características físicas, a paralinguaxe e a proxémica. Tamén debemos incluír aquí outros compoñentes da linguaxe non verbal que inflúen directamente na verbal, coma por exemplo a entoación, o volume, o ton, o timbre, a vocalización, as pausas ou os silencios.

A continuación, os elementos da linguaxe corporal que define o Marco son:


A linguaxe non verbal está presente en todas as nosas comunicacións, facéndose inevitable empregala en certas ocasións. Dependendo da mensaxe que se queira transmitir, daranse casos nos que os elementos non verbais sexan incluso máis importantes que os verbais. Aínda que hai elementos considerados universais no seu uso, a maioría deles difiren entre linguas e culturas e ata dependen do contexto, de aí a importancia de coñecelos para mellorar a comunicación e evitar malentendidos. Por exemplo, facer o xesto co polgar cara arriba pode interpretarse de diversas maneiras dependendo do país: en España e en países anglófonos significa que se concorda con algo ou que se fixo algo ben, mentres que en Grecia, Rusia ou Irán, por exemplo, é un insulto. Outro exemplo típico é o de facer unha “V” cos dedos: aquí en España é sinal de “vitoria” ou de “paz”, pero non tan lonxe, no Reino Unido e en Irlanda tómase coma un insulto.


No Companion Volume, que tamén tratamos na entrada anterior, inclúese a linguaxe non verbal en diversos descritores, dándolle importancia na mediación, na interacción, no traballo en grupo, á hora de facilitar o espazo multicultural, nos monólogos, nas entrevistas e nas estratexias para explicar conceptos novos. Algúns destes descritores son, por exemplo:


Na aula de linguas estranxeiras, deberíase transmitir ao alumnado a importancia que posúe a linguaxe corporal e desenvolvela de maneira conxunta coa linguaxe verbal. Os estudantes da lingua estranxeira teñen que ser conscientes de que empregar a linguaxe corporal ofrece un gran apoio para expresarse e asimilar información. Pola súa parte, os docentes deberían ser conscientes do que transmiten co seu corpo e desenvolver técnicas e recursos para que os alumnos adquiran e aprendan estes aspectos. Unha boa forma de asimilar este aspecto pode ser a través da análise de películas e series orixinais desa cultura para comprobar como se empregan distintos elementos non verbais.
En conclusión, a linguaxe corporal ou non verbal supón un aspecto fundamental na interacción e mediación, pois mediante ela podemos mostrar comprensión ou incomprensión, acordo ou desacordo; e, se non se coñece, pode dar lugar a malinterpretacións ou ofensas. Consideramos que, a miúdo, non se inclúe na ensinanza de linguas estranxeiras, aínda que, baixo o noso punto de vista, esta resulta imprescindible porque beneficia a comunicación, facéndoa máis natural, e mellora a fluidez do falante, tanto á hora de entender unha mensaxe coma de transmitila. Por último, coñecer a linguaxe non verbal dunha lingua axudaranos a comprender certos aspectos culturais desa sociedade e, en concreto, aspectos persoais dun individuo.

Finalmente, déixovos algúns enlaces que me resultaron útiles para redactar esta entrada, espero que vos sexan de axuda, un saúdo!

Álvarez, G. (2002). La comunicación no verbal en la enseñanza de inglés como segunda lengua. Philologia hispalensis, 16 (1), 7-18. Recuperado de: https://idus.us.es/xmlui/handle/11441/12017

Cristina, C. e Marques, G. M. (2005). La comunicación no verbal y el proceso de enseñanza/aprendizaje de español lengua extranjera. Recuperado de: https://cvc.cervantes.es/ensenanza/biblioteca_ele/publicaciones_centros/PDF/rio_2005/16_ferreira-branco.pdf

Mathilde (2019) El lenguaje corporal en el aprendizaje de idiomas. [Mensaxe nun blog] MOSAlingua. Recuperado de: https://www.mosalingua.com/es/lenguaje-corporal-en-el-aprendizaje-de-idiomas/

Paternain, C. (2012). El lenguaje corporal en el proceso de enseñanza-aprendizaje de la lengua extranjera: Inglés. Trabajo de fin de grado: Universidad de Valladolid. Facultad de Educación y Trabajo Social. Recuperado de: http://uvadoc.uva.es/handle/10324/20440

Tema 2: O Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas. Obxectivos, métodos e prioridades da política lingüística europea


A mediación: novos modos de comunicación


O Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCER) é un documento elaborado polo Consello de Europa no ano 2001 que establece os distintos niveis de dominio dunha lingua, coa meta de desenvolver un enfoque de ensinanza de linguas que estea baseado nuns principios comúns para todas as linguas de Europa. Ademais, tamén pretende protexer a diversidade cultural europea, facilitar a mobilidade e a comunicación internacional dos cidadáns e promover o plurilingüismo. Posto que o MCER describe os coñecementos e as destrezas que deben ter os estudantes de linguas, proporciona unha base común para elaborar programas de linguas e facilita a cooperación entre institucións educativas, o recoñecemento de certificados e a labor de toda a comunidade do proceso de ensinanza-aprendizaxe. No ano 2018, elaborouse un volume complementario con novos descritores, denominado Companion Volume with New Descriptors.

O MCER posúe un enfoque centrado na acción e define así calquera uso e aprendizaxe de linguas (páxina 33 da versión en galego):


Fálase tanto de competencias xerais do individuo como de competencias comunicativas lingüísticas. É neste último apartado, onde o MCER engade unha das novidades que consideramos primordiais. Substitúe as catro destrezas típicas no dominio dunha lingua que se propuxeran no ano 1961 (escoita, lectura, escritura e fala) por novas actividades da lingua (comprensión, expresión, interacción e mediación) que se adecúan mellor á realidade da linguaxe, pois reflexan unha aprendizaxe máis colaborativa e na que se poden dar combinacións dos distintos tipos de comunicación, tanto de forma oral coma escrita. A pesar de que a comunidade educativa aplica o establecido no Marco, consideramos pola nosa propia experiencia, que en diversos ámbitos aínda se seguen empregando as catro destrezas tradicionais.



Nesta entrada, en particular, centrarémonos soamente no concepto de mediación visto no Tema 2, que combina os outros tres tipos de comunicación, para falar sobre a súa aplicación nas clases de linguas estranxeiras e das diferenzas que consideramos que mantén coa tradución e a interpretación. Decantámonos por este tema pola relación directa que ten cos estudos da creadora deste blog, graduada en Tradución e Interpetación, e porque ademais consideramos que foi unha novidade do Marco e do Volume moi importante.

O MCER define as actividades de mediación, tanto escritas coma orais, como aquelas que fan posible a comunicación entre persoas que son incapaces, por calquera motivo, de comunicarse entre si directamente. Segundo o Companion Volume, durante a mediación o usuario desa lingua actúa coma axente social axudando a construír ou transmitir un significado, tanto de maneira intralingüística coma interlingüística. Polo tanto, o seu rol é o de crear o espazo e as condicións adecuadas que permitan a comunicación ou a aprendizaxe, colaborando cos interlocutores, animando a estes a que constrúan ou entendan un novo significado e transmitindo nova información dunha forma axeitada.

Coma podemos ver no seguinte cadro extraído do Volume complementario, a mediación pode ser de diversos tipos (textual, conceptual ou de comunicación), para os cales se ofrecen diversas actividades e estratexias.

Parécenos interesante mencionar aquí as características que comparten os diferentes tipos de mediación. A principal é que, durante as actividades de mediación, o usuario da lingua simplemente actúa como intermediario e, polo tanto, esquécese de expresar as súas propias ideas, necesidades ou significados. Non obstante, para levar isto a cabo a persoa mediadora debe ter desenvolvida a súa intelixencia emocional para poder sentir empatía e comprender os puntos de vista e estados de ánimo dos interlocutores. Ademais disto, a persoa debe ser capaz de crear unhas condicións axeitadas para que se dea a comunicación e a cooperación, evitando tensións ou situacións delicadas. Se, alén diso, se trata dunha conversa con dúas linguas, a persoa mediadora deberá posuír competencia cultural e social en ambas. Podemos concluír, entón, que non se dan os tres tipos de mediación por separado, senón que de novo existe unha interrelación e que para poder mediar necesitamos habilidades, competencias e coñecementos que van máis alá da lingua.

Nas clases de linguas estranxeiras podemos aplicar esta competencia de diversas maneiras, algúns exemplos de actividades que ofrece o Marco de mediación son: a tradución ou a interpretación, a paráfrase, o resumo, a toma de notas ou a reformulación. É dicir, podemos, por exemplo, explicar ou aclarar un texto (instrucións, menús, folletos, etc.), dar información ou consellos sobre algún aspecto (emprego, vivenda, ocio, etc.), resumir información extraendo só a necesaria, etc. Na nosa opinión, empregar a mediación na clase de linguas estranxeiras é moi útil posto que reflexa a realidade ao tratarse dunha ferramenta que empregamos na nosa vida cotiá de maneira moi recorrente e, a través dela, os alumnos non só aprenden a falar unha lingua, senón a facer un uso eficiente dela e a tratar diversas competencias (lingüística, cultural, interactiva, estratéxica, etc.).

Aínda que o Marco ofrece coma actividades de mediación a tradución e a interpretación e en numerosas ocasións se poñen coma sinónimos, cremos necesario diferenciar ambas disciplinas. En primeiro lugar, a mediación pode darse dunha mesma lingua ou entre dúas linguas, mentres que a tradución e a interpretación sempre vai ser interlingüística. En segundo lugar, o mediador, durante a transferencia dos contidos, pode seleccionar, reformular, adaptar, ampliar ou resumir aquela información que lle pareza máis relevante, mentres que o tradutor ou intérprete debe facer unha transferencia fiel e completa do texto orixinal. Finalmente, durante a mediación pódese alterar o rexistro ou ton que empregan os interlocutores, con diversas finalidades, pola contra, na tradución e interpretación débese manter o mesmo rexistro e ton do orixinal para trasvasar a mesma intención.

Como conclusión, podemos dicir que a mediación é unha competencia lingüística que ofrece numerosas vantaxes e que difire da profesión de tradutor e intérprete en diversos aspectos. Por último, aínda que cada vez se está aplicando máis nas aulas, consideramos que debería supoñer un eixe fundamental, xa que vai máis alá do aspecto lingüístico e engade un enfoque cultural e afectivo moi importante.

Aquí vos deixo algúns enlaces que me pareceron de interese, un saúdo!

Cores Bilbao, E. (2017). La mediación en el nuevo Marco Común Europeo de Referencia para las Lenguas. En ReALL: Research in Affective Language Learning Centre. Recuperado de: https://reall.es/la-mediacion-en-el-nuevo-marco-comun-europeo-de-referencia-para-las-lenguas/

Instituto Cervantes (2001). Marco común europeo de referencia para las lenguas: aprendizaje, enseñanza, evaluación. Madrid: MECD-Anaya. Recuperado de: https://cvc.cervantes.es/ensenanza/biblioteca_ele/marco/

Polo Pérez, N. (s.f.). Did you have a nice time? Actividades de mediación lingüística y traducción pedagógica en niveles iniciales y la concienciación sobre la interferencia. Instituto Cervantes de Leeds y Centro de Lenguas de la Universidad de Durham. Recuperado de: https://cvc.cervantes.es/ensenanza/biblioteca_ele/publicaciones_centros/PDF/manchester_2013-2014/04_polo.pdf

Sánchez Castro, M. (2013). La mediación en clase de ELE: una actividad potenciadora de la competencia plurilingüe e intercultural. Asociación para la Eseñanza del Español como Lengua Extranjera. Recuperado de: https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=5423282

Tema 1: O ensino de linguas no presente modelo educativo, estatal e autonómico


O plurilingüismo: cultura ou economía?


O modelo educativo en España caracterízase pola falta de consenso e inestabilidade en canto ás leis educativas, posto que dende o ano 1857 promulgáronse oito leis diferentes. Actualmente, temos en vigor a LOMCE de 2013 e, parcialmente, a LOE do ano 2006. Nesta entrada, centrarémonos no papel que xogan as linguas estranxeiras nas leis vistas no Tema 1 e, sobre todo, parécenos interesante incidir nas razóns que se achegan en canto á importancia que ten aprender unha ou máis linguas estranxeiras para ver realmente se se tratan de cuestións culturais, lingüísticas e sociais ou económicas e políticas.

En 1900, no prólogo da Reforma do plan de estudos da segunda ensinanza, preséntase unha primeira razón da importancia que ten a aprendizaxe de linguas estranxeiras, alegando que é necesaria para unha vida moderna en relación con outros pobos e para acabar co illamento que vivira o país ata entón. Ademais, faise fincapé en que así se podería avanzar en ciencia e nas súas aplicacións. Na LGE de 1970, non se fai referencia á razón pola cal se deben estudar outros idiomas, pero ábrese o seu estudo obrigatorio a todo o alumnado. Pouco despois de que España entrase na Unión Europea, promulgouse en 1990 a LOGSE, na cal se establecía como primordial razón da adquisición de linguas a de construír un proxecto europeo común. Este factor foise repetindo nas sucesivas leis: na LOCE, de 2002, fálase da importancia de comunicarse noutras linguas para integrar a España no contexto europeo, na LOE, de 2006, preténdese que coas linguas estranxeiras nos abramos ao mundo exterior e, finalmente, na LOMCE, de 2013, dáselle prioridade posto que é unha consecuencia do proceso de globalización e un obxectivo para a construción dun proxecto europeo.

Como podemos ver, as linguas estranxeiras sempre tiveron un lugar nas nosas leis de educación e a primordial razón que se ofreceu para o seu estudo foi a de crear un "proxecto europeo común". Nos últimos anos, podemos comprobar como o plurilingüismo está a irromper con forza no noso contexto educativo. Cremos que é necesario distinguir neste punto os conceptos de multilingüismo e plurilingüismo, pois non son o mesmo: o multilingüismo refírese á coexistencia de varias linguas nun mesmo ámbito e nivel, sinalando a diversidade existente, mentres que o plurilingüismo supón o coñecemento en diversos graos de varias linguas por parte dunha mesma persoa ou grupo de persoas. Polo tanto, o noso país e a Unión Europea serían multilingües e unha persoa capaz de falar máis de dúas linguas sería plurilingüe.

Na nosa opinión, parece anecdótico que nun país coma España, que sempre tivo tendencias cara a uniformación e a negación das linguas minoritarias e que, nos últimos tempos, diversos sectores políticos pretenden regresar a un absolutismo do castelán, alegando que nos colexios e institutos os nenos e nenas non poden empregar este idioma, se lle estea dando tanta importancia ao plurilingüismo. Este proxecto de plurilingüismo podería ser de gran axuda e mellora para levar a cabo o recoñecemento e a apertura da diversidade lingüística e cultural do noso pais, non obstante, estamos a decantarnos polas linguas dominantes, perxudicando, aínda máis, a situación do galego, o catalán e o vasco.

Cada vez se implanta antes a ensinanza do inglés, a lingua franca da actualidade, pero faise en detrimento de outras linguas con menos prestixio. O inglés, hoxe en día, é sinónimo de éxito, de futuro, de emprego, de oportunidades, sen saber inglés non es ninguén, o que nos leva a pensar que se promulga o plurilingüismo non por razóns de interculturalidade, de coñecer outras culturas e pobos, senón para mellorar a nosa economía e empregabilidade. A LOMCE dá boa conta disto, posto que, na nosa opinión, ten unha visión xeral da educación moi mercantilista, poñendo énfase en que mellorar a educación suporá unha mellora da empregabilidade e dos postos de traballo, é dicir, da economía estatal e da situación en xeral do noso país por detrás doutros membros da Unión Europea.

Por suposto que non podemos disociar o factor económico e político dos beneficios que nos aporta a aprendizaxe de linguas estranxeiras, pero consideramos que non debemos esquecernos das outras moitas vantaxes que nos ofrecen, tanto a nivel cognitivo coma a nivel cultural e social. Existen campañas coma a seguinte realizada pola Fundación Atresmedia no Día Europeo das Linguas, que só inciden na importancia do inglés para o desenvolvemento profesional (link na imaxe). Certo é que o inglés é moi importante para o futuro, pero tamén hai outras razóns para aprender esta e outras linguas estranxeiras, non credes?


Parécenos interesante mencionar aquí un estudo realizado por Melara Gutiérrez, F. J. chamado “La enseñanza de lenguas extranjeras en la Unión Europea” na que menciona que non hai unha correlación directa entre o nivel económico dun país e a porcentaxe de linguas estranxeiras que se falan nel. As gráficas son do ano 2003, aquí vos deixo o enlace.

Se actualizamos un pouco estes datos, comprobamos que nalgúns casos si se da está correlación, por exemplo no caso de Luxemburgo, Finlandia, Dinamarca, etc. países con un PIB per cápita moi alto e nos que se falan unha maior porcentaxe de linguas estranxeiras. Por outra banda, temos países coma Reino Unido, Alemaña ou Francia, que contan con linguas dominantes na Unión Europea, e que teñen un PIB alto pero falan poucas linguas estranxeiras. Con todo, penso que esta correlación daría para un estudo moito máis amplo no que analizar o por que destos datos.

Velaquí vos deixo un gráfico cos idiomas estranxeiros falados nos países da Unión Europea no ano 2016:

Extraído de Statista

E aquí o gráfico co PIB per cápita dos países da Unión Europea no ano 2017:

Extraído de El País

Finalmente, podemos concluír que aínda que as leis promulgan e pretenden unha ensinanza de linguas estranxeiras baseada no crecemento económico e na creación dun proxecto europeo, consideramos que na práctica os docentes e centros están avogando por unha ensinanza de linguas estranxeiras baseada en proxectos que engloban a comunicación, a interculturalidade, a diversidade, a tolerancia, a inclusión, etc. que aportan uns beneficios ao alumnado máis alá que o de atopar un bo emprego no seu futuro.

Espero que vos sexa de utilidade a miña entrada, léovos nos comentarios! Saúdos!

Aquí vos deixo varios enlaces relacionados que me pareceron interesantes:

Comisión Europea (s.f.) Acerca de la política de multilingüismo. Recuperado de: https://ec.europa.eu/education/policies/multilingualism/about-multilingualism-policy_es

Melara Gutiérrez, F. J. (s.f.) La enseñanza de lenguas extranjeras en la Unión Europea. Sobre la necesidad del aprendizaje de idiomas en la actualidad. Recuperado de: http://www.uco.es/~ed1alcaj/polieduca/dmpe/grupo41.htm

Ruiz Bikandi, U. (2012) El plurilingüismo visto desde los documentos europeos: Una mirada crítica. En Didáctica de la Lengua y de la Literatura, 60, 65-76. Recuperado de: http://www.karrikiri.eus/sites/default/files/URIRUIZ.pdf

Liña do tempo: plan de traballo

Ola compañeiros e compañeiras!
Unha das actividades que levaremos a cabo na materia de Estratexias de Innovación Docente será a de asumir un reto determinado e solucionalo de maneira innovadora. No meu caso, escollín o reto de "Quedamos sen libros". Aquí vos deixo unha liña de tempo que deseñei co meu plan de traballo:

Publicación en liña: Reading

Good morning,
I published a reading containing three short stories of the book Good Bones, written by Margaret Atwood, with some questions at the end. The stories are very easy to understand, although some vocabulary may be difficult, so the level of the student should be B2/C1.
These stories are perfect for discussing about prejudices, feminism and to practice the critical thinking and analysis.

Hope you find it interesting!


Actividade 3: Listening HIMYM


Hello again! Here you can find a video quiz to practice oral comprehension (B1+ level) with a very well-known sitcom, perfect for learning English: How I Met Your Mother.
(If you have problems playing the video, try another browser or do it with your mobile phone).

Hope you enjoy it!


Actividade 2: Modal verbs quiz

Hi there!
I created a quiz to practice the use of modal verbs (for level B1), click on the image to do it. There's only one correct answer!


Actividade 1: Word roulette

Hi again!
Here you can find a word roulette to practice vocabulary related to the house for an A2 level (the word must be perfectly written!).

Hope you find it fun!

Presentación 3, 2, 1...

Ola! Douvos a benvida ao meu blog dedicado á ensinanza de linguas estranxeiras onde compartirei diversos recursos para a docencia. Para comezar, déixovos un pequeno vídeo para que me coñezades mellor.

Lémonos pronto!