Ola compañeiros e compañeiras!
Logo das vacacións de Nadal, volvemos a lernos nos blogs para tratar os
contidos tratados e as actividades realizadas na materia de Didáctica da
Ensinanza das Linguas Estranxeiras. Nesta primeira entrada, falareivos sobre o tema 5, no que vimos as catro
actividades da lingua ou modos de comunicación: a mediación lingüística, a
comprensión oral e escrita, a produción e interacción oral e a produción e
interacción escrita. Ademais disto, realizamos diversas actividades prácticas
para ilustrar como poderían introducirse estas na aula e falamos sobre o uso
das rúbricas na avaliación formativa. Este tema desenvolveuse os días 9, 13 e
15 de xaneiro coa docente Cristina Rodríguez.
En primeiro lugar, as actividades
de mediación lingüística son aquelas
que posibilitan a comunicación entre persoas que non son capaces, polo motivo
que sexa, de comunicarse entre si directamente ou con éxito. A mediación pode
darse tanto de maneira oral coma escrita e pode ser interlingüística ou
intralingüística. Existen dous tipos principais: a cognitiva (a que se fai de
maneira interna) e a relacional (a que empregamos con outras persoas). Neste
contexto, a que nos interesa é a relacional que, á súa vez, se pode clasificar
en lingüística ou textual, conceptual e social ou cultural. Para introducir
esta actividade na aula é interesante, por exemplo, integrar diversas destrezas,
cambiar de modos ou rexistros, empregar materiais reais e introducir outras linguas.
Relacionado con este último aspecto, é importante ter en conta o concepto de plurilingüismo e perfil plurilingüe, sobre o cal debatemos na clase. Ademais deste
debate que nos axudou a coñecer mellor os nosos perfís, na clase tamén
realizamos unha actividade consistente en analizar diversos exemplos de
actividades de mediación que nos permitiu constatar os obxectivos destas
tarefas, así coma as diferentes competencias e estratexias que debe reunir o
alumnado para superalas. Finalmente, por grupos tivemos que deseñar unha
actividade de mediación e presentarlla ao resto de compañeiros. No meu grupo, deseñamos
unha actividade a partir dunhas imaxes en español, na que o alumnado por parellas
debería poñerse de acordo para escoller a entrada e o modo de transporte que
preferiran para ir a un festival de música. Esta última actividade foi moi
interesante porque nos permitiu aplicar a teoría vista á práctica de deseñar
unha actividade que fose factible de aplicar nunha aula de Secundaria.
En segundo lugar, temos as actividades
de comprensión oral e escrita que
poden ser de tipo extensiva (a que se realiza fóra da aula, por exemplo ver
películas, ler, etc.) ou intensiva (a realizada na aula). As actividades de
comprensión poden ser de diversos tipos, por exemplo, para entender as ideas
principais ou datos específicos, para identificar actitudes ou opinións,
entender instrucións, etc. Para aplicar con éxito estas actividades na aula, é
preciso que se descompoñan en varias fases: unha de presentación para que o alumnado
se familiarice co contido ou co vocabulario, unha primeira lectura ou escoita
para localizar a información ou comprobar as predicións que se fixeron
anteriormente, unha segunda lectura ou escoita onde traballar máis en
profundidade o texto, unha post-lectura/escoita na que os alumnos deban
trasladar esa información comprendida ou ampliala e unha posta en común final.
Para poñer en práctica esta parte da materia, tivemos que elaborar por grupos unha
actividade de comprensión para aplicar nunha aula. Xunto coas miñas
compañeiras, deseñamos unha actividade de comprensión lectora baseada nun
folleto dun museo coa temática da espionaxe e con varios exercicios para levar
a cabo as distintas fases que mencionei anteriormente. Durante o
desenvolvemento desta actividade, puidemos constatar a importancia de deseñar
estas diferentes fases para que a comprensión sexa progresiva e máis
significativa.
Por último, as actividades de produción e interacción poden ser tamén
escritas ou orais. Debido a que as de escritura
consumen moito tempo, soen relegarse a facer na casa; con todo, é interesante
que se realicen pequenas producións na aula nas que prime a mensaxe e non a
corrección gramatical, e facelas cooperativas e interactivas. Tamén se deben traballar
na aula as diferentes fases que deben compoñer o proceso de escritura (unha
primeira planificación, a elaboración dun borrador e unha versión final) para
que o alumnado poida chegar a un resultado satisfactorio. Na aula, realizamos
unha pequena actividade por grupos na que tiñamos que pensar a maneira de poñer
en práctica diferentes tarefas. No noso caso, tocounos a de escribir unha
pequena reseña e pensamos que un bo xeito de facelo sería visualizando un
tráiler dunha película e que logo por grupos o alumnado escribise a súa opinión
para recomendarlla ou non aos seus compañeiros. Por outra parte, a produción e
interacción oral constitúe unha das
actividades máis importantes nas aulas de lingua, principalmente porque son as
que menos se poden practicar fóra dela, por iso é fundamental que as tratemos e
que o alumnado colla o hábito de falar todos os días na clase, perdendo así o
medo e creando un bo ambiente. Para ilustrar esta actividade da lingua, na aula
revisamos varias páxinas web con diferentes propostas prácticas e escollemos
unha para explicarlle aos nosos compañeiros. Finalmente, tamén puidemos
comprobar que as rúbricas son un dos mellores instrumentos para realizar unha
avaliación formativa das diferentes actividades da lingua, aínda que, como puidemos
comprobar de primeira man, a súa elaboración e redacción é bastante complexa.
Podemos concluír, entón, que
todas actividades de lingua son fundamentais e deben tratarse na aula de
maneira que non exista separación entre elas, senón que se relacionen. Por
exemplo, unha actividade de comprensión pode levarnos a unha de produción ou
unha de mediación a outra de comprensión e produción de diversos tipos. É certo
que deberíamos darlle a mesma importancia a todas, pero na miña opinión, é
fundamental que se practiquen moito as actividades de produción e interacción
oral, porque, como xa comentei, o alumnado non ten demasiadas oportunidades de
facelo pola súa conta e, ademais, son actividades que requiren de moita
práctica. Do mesmo xeito, creo que a mediación é unha actividade aínda un pouco
descoñecida, pero que aporta numerosos beneficios ao alumnado xa que traballa
ao mesmo tempo moitas competencias e vive unha experiencia real da situación
plurilingüe coa que contamos hoxe en día. Por outra parte, opino que antes de
propoñer estas actividades da aula, sería de gran axuda mostrarlle ao alumnado
un exemplo do resultado que esperamos por parte deles. Para rematar, gustaríame
comentar que as actividades que realizamos na aula fóronme de gran utilidade
posto que puiden experimentar como é o proceso de deseño e como se poderían
introducir nunha aula os diversos modos comunicativos. Alén diso, poder
compartilo co resto de compañeiros e escoitar as súas propostas aportoume
outros puntos de vista e opinións moi interesantes que seguro que poderei
empregar nun futuro.
Aquí vos deixo varias referencias
relacionadas con este tema, espero que vos sexan de utilidade:
De Arriba, C. e Cantero, F. J.
(2004) La mediación lingüística en la
enseñanza de lenguas. En Didáctica (Lengua y Literatura), vol. 16, 9-21.
Recuperado de: https://revistas.ucm.es/index.php/DIDA/article/view/DIDA0404110009A/19322
Corpas, Mª D. e Madrid, D.
(2008). Desarrollo de la Comprensión Oral
en Inglés como LE al Término de la Educación Secundaria Obligatoria española.
En Porta Linguarum, vol. 11, 129-145. Recuperado de: https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=2786793
Rico, J. P., Ramírez, M. S. e
Montiel, S. (2016). Desarrollo de la
competencia oral del inglés mediante recursos educativos abiertos. En Apertura,
vol. 18. Recuperado de: http://www.scielo.org.mx/scielo.php?script=sci_arttext&pid=S1665-61802016000200006
Chowdhury, F. (2018). Application of Rubrics in the Classroom: A
Vital Tool for Improvement in Assessment, Feedback and Learning. En International
Education Studies, vol 12 (1), 61. Recuperado de: https://www.researchgate.net/publication/329986506_Application_of_Rubrics_in_the_Classroom_A_Vital_Tool_for_Improvement_in_Assessment_Feedback_and_Learning





