Mostrando entradas con la etiqueta Gonzalo - diario. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Gonzalo - diario. Mostrar todas las entradas

Comentarios noutros blogs (Gonzalo Constenla)

Moi boas!

Déixovos aquí os enlaces aos comentarios que realicei nos blogs dalgunhas compañeiras nas entradas correspondentes ao docente Gonzalo Constenla, por se vos interesa consultalos.
Saúdos e lémonos prontiño!



Tema 8: As linguas estranxeiras como fenómeno global. Experiencias educativas internacionais. (DOSIER E DIARIO)

Ola a todos e a todas! Na última sesión da materia “As Linguas Estranxeiras no Contexto Español e Internacional”, tiveron lugar as presentación finais co docente Gonzalo Constenla, nas que tratamos a materia relativa ao tema 8. Nelas, algunhas compañeiras decantáronse por tratar a ensinanza de linguas estranxeiras noutros sistemas educativos considerados de éxito mundial, mentres que outras trataron diferentes metodoloxías de ensinanza-aprendizaxe. Nesta entrada, gustaríame comentar e comparar varias das presentacións vistas nas sesións dos días 16 e 17 de decembro para obter unha visión global deste último tema denominado “as linguas estranxeiras como fenómeno global”. En primeiro lugar, compararei tres das presentacións sobre algúns dos sistemas de éxito global, posto que eu tamén escollín este tema para a miña presentación (podedes consultala na entrada anterior) e, posteriormente, analizarei dous dos métodos didácticos presentados aportando a miña opinión sobre a súa utilidade.


En canto á ensinanza de linguas estranxeiras nalgúns sistemas de éxito, gustaríame comezar polo dos Países Baixos, tratado pola compañeira Lidia. Polo que vimos na clase, neste sistema o estudo das linguas estranxeiras é obrigatorio tanto na educación primaria coma na maioría das modalidades de secundaria. A oferta de idiomas é moi ampla, sendo o maioritario o inglés, e emprégase unha metodoloxía comunicativa e intercultural, ademais, os centros contan con bastante poder de decisión e poden contratar eles mesmos os docentes. Este proxecto educativo tan complexo presenta un grande éxito e, especialmente, no relacionado coas linguas estranxeiras, xa que as estatísticas demostran un elevado dominio por parte da poboación dun gran número de idiomas.

Outro dos sistemas educativos mellor considerados do mundo é o de Canadá, presentado pola compañeira Alba Pensado. A gran diferenza co resto de sistemas vistos na clase é que neste país non existe un sistema educativo nacional, senón que cada provincia conta cun ministerio con competencias para realizar os plans de estudos. A obrigatoriedade das linguas estranxeiras varía segundo as provincias, e aínda que a metodoloxía tamén pode variar, esta caracterízase en xeral pola importancia que se lle dá ao multilingüismo, a atención á diversidade e o uso das TIC. Ao ser un país bilingüe de inglés e francés, dáselles prioridade ao estudo desas dúas linguas, aínda que a oferta doutras tamén é bastante ampla.

Por último, o compañeiro Jesús falounos doutro dos sistemas educativos mellor valorados: o de Xapón. Este considérase de éxito, entre outras cousas, porque o nivel de abandono é moi baixo e isto débese a que, culturalmente, os xaponeses mostran unha gran disciplina e perseveranza. Nos últimos anos, realizouse unha reforma (con pouco éxito, por certo) para mellorar a ensinanza de linguas no país e darlles máis importancia, xa que non hai a tradición de estudalas e non se tiñan demasiado en conta ata o momento, soamente por motivos comerciais. En canto á metodoloxía que se emprega para ensinalas, chamoume a atención que dentro dos plans educativos se mencionen o número de termos de vocabulario que debe saber cada alumno dependendo do seu nivel, pois para min este factor non é relevante.


Por outra banda, coma comentei ao principio da entrada, quixera analizar dous dos métodos didácticos que se presentaron e que son bastante diferentes entre eles. O primeiro deles é o método silencioso presentado por Raquel Martínez. Este chamoume a atención porque nunca oíra falar del e porque a súa posta en práctica paréceme, canto menos, curiosa. Este método consiste en que o alumno sexa o protagonista e responsable da súa aprendizaxe, outorgándolle autonomía e motivando a autoevaluación e a cooperación. Neste proceso de ensinanza-aprendizaxe, o docente debe permanecer en total silencio, soamente ofrecendo retroalimentación e guiando ao alumnado mediante xestos e obxectos físicos (táboas de son-cor ou regretas, por exemplo). Este método desenvolveuse para que o alumnado adquira a competencia oral e auditiva, os coñecementos gramaticais e unha pronunciación correcta, con todo, penso que sería máis beneficioso se os alumnos puidesen escoitar falar a lingua estranxeira ao seu docente e así experimentar unha inmersión máis realista.

Outro dos métodos tratados foi o método comunicativo, que nos presentou a compañeira Carla. Este modelo didáctico entende a linguaxe coma un instrumento de interacción social chave e ten coma principal obxectivo que o alumnado se comunique de forma real e efectiva. Aquí, prima a comunicación a través da interacción entre alumnos, pero tamén xunto co profesor, quen os guía e facilita a aprendizaxe, unha situación que se achega máis á realidade comparado co método anterior, na miña opinión. Ademais, empréganse materiais reais relacionados tanto co contexto educativo coma cun contexto exterior ou con experiencias persoais e permite que os alumnos vaian reflexionando sobre o seu propio proceso de aprendizaxe.

En conclusión, as presentacións dos meus compañeiros axudáronme a obter unha visión panorámica sobre como se ensinan linguas en países cun sistema educativo moi ben valorado, aspecto que tiña moitas ganas de tratar. Na maioría destes sistemas podemos comprobar que non fai falla un investimento alto en materia de educación para obter bos resultados, senón simplemente aproveitar ben os recursos e concienciar a sociedade, sobre todo no respectivo ás linguas estranxeiras. Ademais, estes sistemas coinciden en empregar metodoloxías activas e enfoques construtivistas, facendo obrigatorio o estudo das linguas estranxeiras (a excepción de Irlanda!). Por outra banda, ademais dos métodos didácticos que vos comentei, tamén se trataron outros moi interesantes e coas súas respectivas vantaxes e inconvenientes á hora de aplicalos na aula. Está claro que non existe unha metodoloxía ideal nin a gusto de todos os docentes, pero sempre podemos combinar varias para obter un bo equilibrio.

Finalmente, comparto convosco varios enlaces para poder ampliar máis este tema, espero que vos sexan útiles. Un saúdo!

Alcalde Mato, N. (2011). Principales métodos de enseñanza de lenguas extrajeras en Alemania. En Revista de Lingüística y Lenguas Aplicadas, vol. 6. Recuperado de: https://dialnet.unirioja.es/descarga/articulo/4779301.pdf

Boletín Informativo Eurydice – Comisión Europea (2017). Cifras clave de la enseñanza de lenguas en los centros escolares de Europa – Edición 2017. Recuperado de: http://publications.europa.eu/resource/cellar/3b929832-3f61-11e7-a08e-01aa75ed71a1.0014.01/DOC_1

Bonilla Lynch, A. e Rojas Alfaro, R. (2012). El aprendizaje de lenguas extranjeras como herramienta para el desarrollo humano. Congreso Iberoamericano de las Lenguas en la Educación y en la Cultura. Recuperado de: https://www.oei.es/historico/congresolenguas/comunicacionesPDF/Bonilla_Alvaro2.pdf

Braine, G. (2005). Teaching English to the World: History, Curriculum and Practice. Routledge: Nova Iorque.

González Villarón, María (2015) La enseñanza de las lenguas extranjeras en España y Holanda: un estudio comparado. Recuperado de: https://eprints.ucm.es/30998/1/T36193.pdf

Muñoz Restrepo, A. P. (2010). Metodologías para la enseñanza de lenguas extranjeras. Hacia una perspectiva crítica. En Revista Universidad EAFIT, vol. 46, nº 159, 71-85. Recuperado de: http://publicaciones.eafit.edu.co/index.php/revista-universidad-eafit/article/download/1065/959/0

Muñoz Zayas, R. (2013). El aprendizaje de lenguas extranjeras en España. En eXtoikos, nº 9. Recuperado de: https://dialnet.unirioja.es/descarga/articulo/4690854.pdf

Presentación final: O ensino de linguas estranxeiras no sistema educativo de Irlanda

Boas, compañeiros e compañeiras!
Compártovos a miña presentación sobre o ensino de linguas estranxeiras no sistema educativo da República de Irlanda, por se queredes consultar algún aspecto ou algún dos enlaces que comentei na clase.
Saúdos 😄

Tema 6: As programacións didácticas vixentes (DIARIO)


Ola! Nesta entrada, gustaríame comentar os contidos e engadir a miña opinión sobre o tratado no tema 6, que coma vos adiantaba na entrada anterior de dosier, versou sobre as programacións didácticas da ESO, Bacharelato, FP e as EOI, ademais vimos certos aspectos xerais e diversas dúbidas sobre as oposicións para acceder ao corpo de docentes de Secundaria.

Antes de nada, penso que é necesario diferenciar entre as programacións didácticas e as programacións de aula. As primeiras están elaboradas polo departamento de cada materia para cada curso ou etapa e planifican o proceso de ensinanza e aprendizaxe para ese ano, mentres que as de aula elabóraas o docente responsable e integran as programacións didácticas, secuenciando as unidades didácticas para cada grupo ou clase e adaptándoas ás necesidades específicas da clase.

En canto ás programacións didácticas da ESO e Bacharelato, cada ano publícase unha resolución para a implantación do currículo nos centros e nela dítanse as instrucións para realizar as programacións. En xeral, estas deben conter os elementos que aparecen na seguinte infografía, con todo, coma ben puidemos comprobar na actividade realizada na aula, á maioría das programacións que un pode atopar publicadas dos centros fáltanlles elementos ou a súa organización non garda coherencia. Ademais, non existe unha homoxeneización ou estandarización entre programacións didácticas de diferentes centros; cada un decide como facela. Moitas delas tampouco engaden as unidades didácticas correspondentes, pero, aínda que por lei non é obrigatorio, penso que estas axudarían a que houbese coherencia entre os distintos elementos da programación (contidos, obxectivos, criterios e estándares de aprendizaxe).




No relativo á FP, as programacións didácticas elabóranse para cada módulo profesional e a gran diferenza é que os centros deste tipo de educación contan cunha aplicación  informática e un manual para poder elaboralas, tendo coma resultado unha maior homoxeneidade entre os centros educativos. Ademais dos elementos vistos anteriormente, nestas programacións xa é obrigatorio que estean presentes as unidades didácticas. Finalmente, para a EOI tamén existe un modelo (a chamada guía curricular), que ofrece máis harmonización entre os diferentes centros, e os elementos que debe conter son similares aos do resto de niveis educativos.

Por último, podemos concluír que polo que comprobamos na clase analizando varios exemplos reais de programacións didácticas, estas difiren moito entre si e fáltalles moita coherencia entre os elementos. Existe unha inspección educativa que comproba a adecuación das programacións ao que se establece nas disposicións e indica modificacións ou correccións, sen embargo, segue habendo moitas carencias. Na miña opinión, para mellorar esta situación na ESO e no Bacharelato, axudaría moito que os docentes tivesen á súa disposición un manual ou unha aplicación (coma na FP) para poder realizalas, posto que actualmente a administración soamente dá unhas orientacións bastante xerais. Baixo o meu punto de vista, os centros non acostuman darlle demasiada importancia á elaboración da programación didáctica, cando é algo esencial que pautará o desenvolvemento do curso e que pode ser útil para todos os axentes implicados neste proceso: os propios docentes, o alumnado e a familia.

A continuación, comparto convosco varias referencias de utilidade:

Arjona, M. L. (2010). Importancia y elementos de la programación didáctica. En Revista Educativa Digital – Hekademos, nº 7.

Cantón, I. e Pino, M. (2011). Diseño y desarrollo del currículum. Alianza Editorial: Madrid.

López de los Mozos, J. (2017). Guía LOMCE. Análisis y estudio de la programación didáctica en secundaria. Educàlia Editorial: Valencia.

Solbes, R. (2018). Programación didáctica versus programación de aula. Recuperado de: https://raulsolbes.com/2018/09/05/programacion-didactica-versus-programacion-de-aula/

Tema 5: O deseño curricular base (DIARIO)


Ola de novo! Nas entradas denominadas diario compartirei convosco os contidos vistos na materia de “As Linguas Estranxeiras no Contexto Español e Internacional”, así coma outros relacionados e as miñas reflexións ao respecto. No primeiro tema visto co docente Gonzalo Constenla, tratamos o deseño curricular base, en concreto a situación das linguas estranxeiras na ESO, no Bacharelato e na Formación Profesional, así coma o regulamento das Escolas Oficiais de Idiomas.


O deseño do currículo é a regulación dos elementos (obxectivos, competencias, contidos, estándares de aprendizaxe, criterios de avaliación e metodoloxía) que determinan os procesos de ensino e aprendizaxe para todas as ensinanzas. Este inclúe diversas competencias, as denominadas competencias clave que son sete e veñen determinadas pola Unión Europea. En canto á distribución competencial, hai tres niveis de concreción curricular, aínda que soe engadirse un cuarto coma podemos ver na seguinte ilustración:

O Goberno do Estado é quen determina os contidos, os estándares de aprendizaxe, os criterios de avaliación e o horario lectivo mínimo. O Ministerio de Educación, pola súa parte, determina os criterios de avaliación final relacionados cos contidos dos bloques troncais e específicos e as características das probas, así coma o deu deseño e os seus contidos. Posteriormente, é o goberno de cada Comunidade Autónoma quen complementa os contidos das disciplinas troncais, establece as de libre configuración e específicas, complementa os criterios de avaliación, establece os estándares de aprendizaxe, fixa o horario máximo e fai recomendacións de metodoloxía. Por último, os centros complementan os contidos e configuran a súa oferta educativa, deseñan e implantan a metodoloxía e determinan a carga horaria de distintas disciplinas. Coma podemos ver, os elementos curriculares veñen na súa maioría establecidos polo primeiro nivel de concreción, o único aspecto sobre o que os docentes poden ter un pouco de liberdade é o da metodoloxía. Ao fin e ao cabo, a través dos métodos didácticos e pedagóxicos vese como é un profesor, polo que ten lóxica que se lle dea autonomía para desenvolver este aspecto.

En canto á situación das linguas estranxeiras, a LOMCE establece, tanto para a ESO coma para Bacharelato, o obxectivo de comprender e expresarse con fluidez e corrección nunha ou máis linguas estranxeiras, a través dunha metodoloxía activa e participativa, fomentando a expresión oral, cun enfoque multidisciplinar e tendo en conta as necesidades específicas de cada alumnado. Pola súa parte, a FP ten coma obxectivo desenvolver habilidades lingüísticas básicas para comunicarse en situacións cotiás e profesionais. Finalmente, as Escolas Oficiais de Idiomas seguen un réxime especial con distinta distribución competencial.

Aínda que a maioría destes conceptos sobre o deseño curricular xa os tratáramos nas materias do módulo común, non profundáramos na situación das linguas estranxeiras nin na súa organización. Un aspecto completamente novo foi o do réxime das EOI, pois ata agora non se nos falara sobre a súa organización e considero que é un aspecto fundamental, xa que é unha das posibles ramas ás que podemos acceder coma docentes de linguas estranxeiras.

Para finalizar, aquí os deixo varios enlaces relacionados con este tema que me parecen de interese, un saúdo compañeiros e compañeiras!

Portal sobre linguas estranxeiras na educación da Xunta de Galicia: http://www.edu.xunta.gal/portal/es/linguasestranxeiras/

Portal web da LOMCE: https://www.educacionyfp.gob.es/educacion/mc/lomce/inicio.html

Xunta de Galicia (2012). As linguas estranxeiras no sistema educativo de Galicia: percepcións do profesorado, do alumnado e das súas familias ao remate do bacharelato. Recuperado de: https://www.edu.xunta.gal/portal/sites/web/files/protected/content_type/file/2013/01/10/informe_2010-2011.pdf