Tema 8: As linguas estranxeiras como fenómeno global. Experiencias educativas internacionais. (DOSIER E DIARIO)

Ola a todos e a todas! Na última sesión da materia “As Linguas Estranxeiras no Contexto Español e Internacional”, tiveron lugar as presentación finais co docente Gonzalo Constenla, nas que tratamos a materia relativa ao tema 8. Nelas, algunhas compañeiras decantáronse por tratar a ensinanza de linguas estranxeiras noutros sistemas educativos considerados de éxito mundial, mentres que outras trataron diferentes metodoloxías de ensinanza-aprendizaxe. Nesta entrada, gustaríame comentar e comparar varias das presentacións vistas nas sesións dos días 16 e 17 de decembro para obter unha visión global deste último tema denominado “as linguas estranxeiras como fenómeno global”. En primeiro lugar, compararei tres das presentacións sobre algúns dos sistemas de éxito global, posto que eu tamén escollín este tema para a miña presentación (podedes consultala na entrada anterior) e, posteriormente, analizarei dous dos métodos didácticos presentados aportando a miña opinión sobre a súa utilidade.


En canto á ensinanza de linguas estranxeiras nalgúns sistemas de éxito, gustaríame comezar polo dos Países Baixos, tratado pola compañeira Lidia. Polo que vimos na clase, neste sistema o estudo das linguas estranxeiras é obrigatorio tanto na educación primaria coma na maioría das modalidades de secundaria. A oferta de idiomas é moi ampla, sendo o maioritario o inglés, e emprégase unha metodoloxía comunicativa e intercultural, ademais, os centros contan con bastante poder de decisión e poden contratar eles mesmos os docentes. Este proxecto educativo tan complexo presenta un grande éxito e, especialmente, no relacionado coas linguas estranxeiras, xa que as estatísticas demostran un elevado dominio por parte da poboación dun gran número de idiomas.

Outro dos sistemas educativos mellor considerados do mundo é o de Canadá, presentado pola compañeira Alba Pensado. A gran diferenza co resto de sistemas vistos na clase é que neste país non existe un sistema educativo nacional, senón que cada provincia conta cun ministerio con competencias para realizar os plans de estudos. A obrigatoriedade das linguas estranxeiras varía segundo as provincias, e aínda que a metodoloxía tamén pode variar, esta caracterízase en xeral pola importancia que se lle dá ao multilingüismo, a atención á diversidade e o uso das TIC. Ao ser un país bilingüe de inglés e francés, dáselles prioridade ao estudo desas dúas linguas, aínda que a oferta doutras tamén é bastante ampla.

Por último, o compañeiro Jesús falounos doutro dos sistemas educativos mellor valorados: o de Xapón. Este considérase de éxito, entre outras cousas, porque o nivel de abandono é moi baixo e isto débese a que, culturalmente, os xaponeses mostran unha gran disciplina e perseveranza. Nos últimos anos, realizouse unha reforma (con pouco éxito, por certo) para mellorar a ensinanza de linguas no país e darlles máis importancia, xa que non hai a tradición de estudalas e non se tiñan demasiado en conta ata o momento, soamente por motivos comerciais. En canto á metodoloxía que se emprega para ensinalas, chamoume a atención que dentro dos plans educativos se mencionen o número de termos de vocabulario que debe saber cada alumno dependendo do seu nivel, pois para min este factor non é relevante.


Por outra banda, coma comentei ao principio da entrada, quixera analizar dous dos métodos didácticos que se presentaron e que son bastante diferentes entre eles. O primeiro deles é o método silencioso presentado por Raquel Martínez. Este chamoume a atención porque nunca oíra falar del e porque a súa posta en práctica paréceme, canto menos, curiosa. Este método consiste en que o alumno sexa o protagonista e responsable da súa aprendizaxe, outorgándolle autonomía e motivando a autoevaluación e a cooperación. Neste proceso de ensinanza-aprendizaxe, o docente debe permanecer en total silencio, soamente ofrecendo retroalimentación e guiando ao alumnado mediante xestos e obxectos físicos (táboas de son-cor ou regretas, por exemplo). Este método desenvolveuse para que o alumnado adquira a competencia oral e auditiva, os coñecementos gramaticais e unha pronunciación correcta, con todo, penso que sería máis beneficioso se os alumnos puidesen escoitar falar a lingua estranxeira ao seu docente e así experimentar unha inmersión máis realista.

Outro dos métodos tratados foi o método comunicativo, que nos presentou a compañeira Carla. Este modelo didáctico entende a linguaxe coma un instrumento de interacción social chave e ten coma principal obxectivo que o alumnado se comunique de forma real e efectiva. Aquí, prima a comunicación a través da interacción entre alumnos, pero tamén xunto co profesor, quen os guía e facilita a aprendizaxe, unha situación que se achega máis á realidade comparado co método anterior, na miña opinión. Ademais, empréganse materiais reais relacionados tanto co contexto educativo coma cun contexto exterior ou con experiencias persoais e permite que os alumnos vaian reflexionando sobre o seu propio proceso de aprendizaxe.

En conclusión, as presentacións dos meus compañeiros axudáronme a obter unha visión panorámica sobre como se ensinan linguas en países cun sistema educativo moi ben valorado, aspecto que tiña moitas ganas de tratar. Na maioría destes sistemas podemos comprobar que non fai falla un investimento alto en materia de educación para obter bos resultados, senón simplemente aproveitar ben os recursos e concienciar a sociedade, sobre todo no respectivo ás linguas estranxeiras. Ademais, estes sistemas coinciden en empregar metodoloxías activas e enfoques construtivistas, facendo obrigatorio o estudo das linguas estranxeiras (a excepción de Irlanda!). Por outra banda, ademais dos métodos didácticos que vos comentei, tamén se trataron outros moi interesantes e coas súas respectivas vantaxes e inconvenientes á hora de aplicalos na aula. Está claro que non existe unha metodoloxía ideal nin a gusto de todos os docentes, pero sempre podemos combinar varias para obter un bo equilibrio.

Finalmente, comparto convosco varios enlaces para poder ampliar máis este tema, espero que vos sexan útiles. Un saúdo!

Alcalde Mato, N. (2011). Principales métodos de enseñanza de lenguas extrajeras en Alemania. En Revista de Lingüística y Lenguas Aplicadas, vol. 6. Recuperado de: https://dialnet.unirioja.es/descarga/articulo/4779301.pdf

Boletín Informativo Eurydice – Comisión Europea (2017). Cifras clave de la enseñanza de lenguas en los centros escolares de Europa – Edición 2017. Recuperado de: http://publications.europa.eu/resource/cellar/3b929832-3f61-11e7-a08e-01aa75ed71a1.0014.01/DOC_1

Bonilla Lynch, A. e Rojas Alfaro, R. (2012). El aprendizaje de lenguas extranjeras como herramienta para el desarrollo humano. Congreso Iberoamericano de las Lenguas en la Educación y en la Cultura. Recuperado de: https://www.oei.es/historico/congresolenguas/comunicacionesPDF/Bonilla_Alvaro2.pdf

Braine, G. (2005). Teaching English to the World: History, Curriculum and Practice. Routledge: Nova Iorque.

González Villarón, María (2015) La enseñanza de las lenguas extranjeras en España y Holanda: un estudio comparado. Recuperado de: https://eprints.ucm.es/30998/1/T36193.pdf

Muñoz Restrepo, A. P. (2010). Metodologías para la enseñanza de lenguas extranjeras. Hacia una perspectiva crítica. En Revista Universidad EAFIT, vol. 46, nº 159, 71-85. Recuperado de: http://publicaciones.eafit.edu.co/index.php/revista-universidad-eafit/article/download/1065/959/0

Muñoz Zayas, R. (2013). El aprendizaje de lenguas extranjeras en España. En eXtoikos, nº 9. Recuperado de: https://dialnet.unirioja.es/descarga/articulo/4690854.pdf

No hay comentarios:

Publicar un comentario