Tema 3: A ensinanza-aprendizaxe e certificación de linguas estranxeiras polas institucións internacionais


As certificacións de portugués

Na última sesión coa docente Carla Bouzada, vimos o tema 3 que trata varias das institucións internacionais máis importantes de ensinanza e certificación de linguas estranxeiras, tales coma ALTE, CERCLES, ACLES, EAQUALS, ETS, etc. Ademais destas institucións, existen outras centradas nunha lingua en concreto, por exemplo: para inglés temos Cambridge, para francés, a Alliance Française, para español, o Instituto Cervantes, etc. Do mesmo modo, contamos coas Escolas Oficiais de Idiomas e os Centros de Linguas das universidades.

Nesta entrada, vou centrarme nas institucións que ofertan a ensinanza da lingua portuguesa e dos distintos certificados que existen. Decanteime por este tema porque comecei a estudar portugués a principios deste ano e pasei por diversas institucións, polo que me gustaría compartir convosco a miña experiencia. Ademais, o portugués é unha lingua que temos moi próxima e de gran utilidade e que, na miña opinión, sabendo galego ou español pode ser relativamente fácil de aprender.

A institución de referenza para a ensinanza e certificación do portugués é o Camões – Instituto da Cooperação e da Língua, que conta coa súa sede en Lisboa e foi creado no ano 1992 polo goberno de Portugal. Algúns dos obxectivos deste instituto son: propor e executar a política de cooperación portuguesa, coordinar as actividades de cooperación desenvolvidas por outras entidades públicas, propor e executar a política de educación e divulgación da lingua e cultura portuguesas, asegurar a xestión da rede de ensino do portugués, promover a internacionalización da cultura portuguesa, etc. O Camões está presente en máis de 30 países de todo o mundo, a través de Centros de Lingua, Centros Culturais Portugueses, Escolas e Centros Asociados, Cátedras, Protocolos de Cooperación, etc. En España contamos con Centros de Lingua en Barcelona, Cáceres, Madrid e Vigo, sendo nesta última cidade onde se atopa o único Centro Cultural Portugués de todo o noso país. Ademais, na nosa Comunidade Autónoma contamos con Protocolos de Cooperación na Universidade da Coruña e na de Santiago de Compostela.



Esta institución oferta cursos xerais de portugués (presenciais e en liña), cursos de portugués para fins específicos (de negocios, xurídico, para xornalismo e para hostalaría e turismo), cursos de especialización (en cultura e historia, tradución e cooperación e desenvolvemento) e cursos de formación continua para profesores. O Centro Camões de Vigo foi creado no ano 1998 e oferta cursos xerais de portugués dende o nivel A2 ao C2 do MCER de maneira presencial, tanto cuadrimestrais coma intensivos, e tamén ofrece cursos de preparación para os exames de certificación oficiais. Ademais de contar con unha gran biblioteca, esta institución organiza numerosas actividades culturais relacionadas coa literatura, a arte, a música, etc.

En canto ás certificacións, o Instituto Camões organiza os exames internacionais de Português Língua Estrangeira (PLE), realizados polo Centro de Avaliação e Certificação de Português Língua Estrangeira (CAPLE), unha unidade orgánica da Facultade de Letras da Universidade de Lisboa. Estes exames están destinados a cidadáns estranxeiros e recoñécenos diferentes entidades e institucións nacionais e internacionais para efectos de estudo, emprego, para a obtención da nacionalidade, etc. ofértanse sete tipos diferentes de exames, dependendo do nivel, e contan con diferentes partes: comprensión lectora, produción e interacción escritas, comprensión oral e produción e interacción orais. Soen durar entre unha hora e media e dúas horas e media, e para aprobar hai que obter máis dun 55 %. Estes exames poden realizarse nos chamados LAPE (Local para Aplicação e Promoção de Exames), en España existen 18 centros onde realizar os exames e, en concreto en Galicia, podemos realizalos en Santiago de Compostela nos meses de maio, xuño e novembro.


Por outra parte, o Instituto Camões tamén ofrece outro tipo de certificados, coma o Camões Junior – e-certificação Português Língua Estrangeira, dirixido a un público xuvenil, e o EUA – Exame NEWL, dirixido a alumnos do ensino secundario para acceder á universidade. Finalmente, ofrece o recoñecemento das aprendizaxes dos alumnos da rede do Ensino Português no Estrangeiro (EPE).

Por último, o Instituto Camões ofrece un recurso en liña con moitos recursos para aprender portugués nas diferentes destrezas (falar, escoitar, ler e escribir): o Centro Virtual Camões. Déixovos o enlace para que o poidades consultar e empregar, xa que considero que é de gran utilidade.

Ademais do Camões, temos outras opcións para aprender o portugués, ben a través das Escolas Oficiais de Idiomas ou nos Centros de Linguas. En Galicia, contamos con EOI nas catro provincias e en todas se pode aprender o portugués. Estas ofertan cursos dende o nivel A1 ao C2 con cursos anuais de 120 horas ou, nalgúns casos, os niveis básicos en 60 horas por considerarse o portugués unha lingua familiar. Respecto aos Centros de Linguas, estes están presentes nas tres universidades galegas: Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela, e ofertan cursos cuadrimestrais de portugués en diferentes niveis dependendo da demanda.

Coma comentaba ao principio desta entrada, este ano comecei a estudar portugués, tanto pola miña conta coma presencialmente en diversas institucións. En primeiro lugar, realicei un curso intensivo de verán no Instituto Camões para o nivel A2. Este tivo unha duración de 60 horas, coma a maioría dos cursos que ofrecen, e á semana supoñía nove horas de clase. Os docentes que imparten estes cursos son nativos e empregan unha metodoloxía bastante activa baseada na participación oral do alumnado. O prezo destes cursos soe ser de aproximadamente 260 €. Ao final este tipo de cursos, a persoa recibe un diploma de asistencia e de aproveitamento do curso, pero non serve coma unha certificación oficial do nivel.

En segundo lugar, nestes momentos estou realizando un curso cuadrimestral no Centro de Linguas da UVigo, tamén de 60 horas, catro horas á semana. Estes cursos soen contar con descontos para alumnado da universidade, aínda que tamén é accesible a persoas externas, e ao finalizalos ofrecen un diploma de asistencia e un certificado de nivel se se supera o exame final. Tamén soen custar arredor duns 240-260 €.

Para rematar, aquí vos deixo varios enlaces con información sobre o comentado nesta entrada e con outros recursos útiles para a aprendizaxe do portugués. Espero que vos sexa útil, un saúdo!

Páxina web do Instituto Camões: https://www.instituto-camoes.pt/
Páxina web do Centro Virtual Camões: http://cvc.instituto-camoes.pt/area-aprender
Páxina web do CAPLE: https://caple.letras.ulisboa.pt/
Páxina web do Centro de Linguas da UVigo: https://cdl.uvigo.es/index.php?idioma=es
Páxina web da EOI de Vigo: http://www.eoidevigo.org/
Recursos en liña para aprender portugués:

No hay comentarios:

Publicar un comentario