Ola compañeiros e compañeiras!
Nestas entradas de dosier
irei compartindo as actividades individuais e colectivas que realizamos na
aula na materia de “As Linguas Estranxeiras no Contexto Español e
Internacional”, así coma unha reflexión das mesmas. Nesta primeira entrada,
tratarei aquelas correspondentes ao tema 5 denominado “O deseño curricular
base” que vimos durante o 21 e o 28 de novembro.
A primeira actividade
que realizamos foi un debate piramidal,
é dicir, comezamos por parellas a discutir sobre o que sabíamos do currículo,
dos seus elementos, das competencias e dos graos de concreción curricular, e
logo pasamos a grupos de catro, despois de seis, posteriormente de oito e,
finalmente, toda a clase. A actividade foi sinxela, posto que xa realizáramos
debates deste tipo noutras materias e tamén coñecíamos a teoría tratada. Con
todo, penso que foi unha boa actividade para iniciar o tema, para ver o que sabíamos
del e refrescar as ideas coa axuda de todos os compañeiros e compañeiras.
Outras das
actividades que realizamos en ambas sesións foi un cuestionario a través da aplicación Kahoot sobre a distribución competencial da ESO e do Bacharelato,
por unha parte, e da EOI, por outra. O primeiro cuestionario realizámolo de
maneira individual e o segundo mediante a modalidade de grupos. Pareceume unha
actividade moi dinámica mediante a cal repasamos e aprendemos conceptos ao
mesmo tempo que competiamos e nos divertiamos. Penso que é unha boa ferramenta
para empregar na clase e facela máis dinámica, aínda que considero que debería
facerse de forma anónima para evitar rivalidades.
Por último, en
ambas sesións realizamos unha actividade que consistiu en crear unha presentación oral, primeiro en grupo e logo
individual, a través da información recadada e recollida nun documento de Google Drive. No meu grupo, fixemos a
presentación sobre a organización e a distribución de competencias na Formación
Profesional, podedes facer clic na ilustración de máis abaixo para acceder ao
arquivo da presentación. Considero que este tipo de actividades son de gran
utilidade para as clases, pois non só nos permite practicar a expresión oral ao
presentar ante os nosos compañeiros e avaliarnos entre nós, senón que tamén mobilizamos
destrezas relacionadas coa busca de información e a toma de decisións que
considero fundamentais.
En conclusión,
atopei as actividades realizadas neste tema 5 moi útiles e de interese, pois
permitíronme afianzar e adquirir novos coñecementos relacionados co deseño
curricular dunha maneira máis dinámica e activa. O feito de facer as mesmas actividades
de maneira individual e grupal é unha moi boa opción, xa que ambas
variedades nos aportan cousas distintas. Por unha parte, en grupo aprendemos a
colaborar e a poñernos de acordo, ademais de que podemos aprender das dúbidas
e dos coñecementos que teñan os nosos compañeiros. Por outra parte, de maneira
individual podemos gañar independencia e autonomía, ao mesmo tempo que autoavaliamos os nosos propios coñecementos, habilidades, actitudes e destrezas.
Para finalizar,
aquí vos deixo algúns enlaces relacionados con esta entrada. Léovos nos
comentarios!
Martínez, G. (2017). Tecnologías
y nuevas tendencias en educación: aprender jugando. El caso de Kahoot.
Recuperado de: https://dialnet.unirioja.es/descarga/articulo/6228338.pdf
Moll, S. (2014). ¿Para
qué sirve Google Drive en el aula? En Justifica tu Respuesta. Recuperado
de: https://justificaturespuesta.com/para-que-sirve-google-drive-en-el-aula/
Ramírez, I.
(2018). Kahoot!: qué es, para qué sirve y
cómo funciona. En Xataka. Recuperado de: https://www.xataka.com/basics/kahoot-que-es-para-que-sirve-y-como-funciona


Ola Alba!
ResponderEliminarQuería deixar a miña pequena aportación a respecto da túa entrada Dosier, xa que, compartimos bastante a opinión desta metodoloxía empregada na aula. Malia estar en distintos grupos, penso que a realización da sesión foi moi parecida (por non dicir igual).
No noso grupo tamén comezamos cun debate piramidal sobre temas do currículo que, ao igual que ti expuxeches máis arriba, creo que nos serviu para "refrescar" esta información entre todos/as. Considero que non está demais este repaso, sobre o tema visto no módulo común, xa que foi un material bastante intenso para traballar só en dúas semanas!
Ao igual que no voso grupo, realizamos un cuestionario a través da ferramenta Kahoot!, sobre a que non tiña coñecemento algún, mais que me pareceu moi interesante. Na miña opinión tamén resultou moi productiva, por unha banda polo seu carácter dinámico xa que supón unha boa forma de aprender e participar. Por outro lado, serviume para adquirir información e afianzar conceptos sobre a quen lle corresponden certas competencias, que eu polo menos, non tiña moi claro.
Por último, tamén se nos encomendou unha actividade mediante Google Drive, para máis tarde expór por grupos (quedounos esta parte da presentación pendente para a próxima sesión), mais no noso caso, o apartado correspondente foi sobre a ESO e Bacharelato.
Coma ti, considero que este tipo de tarefas e a forma de traballar resultan moi interesantes. Axudan ao fomento da motivación e participación, ademáis de afianzar os coñecementos cos que traballamos.
Parabéns pola túa entrada e blog! Saúdiño!
Ola, Gema!
EliminarMoitas grazas polo teu comentario e por compartir o que realizastes no outro grupo. É interesante coñecer como ides avanzando tamén no grupo 2 e os puntos de vista que temos cada un sobre as actividades realizadas.
Que teñas moi bo día!