Mostrando entradas con la etiqueta Gonzalo - dosier. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Gonzalo - dosier. Mostrar todas las entradas

Comentarios noutros blogs (Gonzalo Constenla)

Moi boas!

Déixovos aquí os enlaces aos comentarios que realicei nos blogs dalgunhas compañeiras nas entradas correspondentes ao docente Gonzalo Constenla, por se vos interesa consultalos.
Saúdos e lémonos prontiño!



Tema 8: As linguas estranxeiras como fenómeno global. Experiencias educativas internacionais. (DOSIER E DIARIO)

Ola a todos e a todas! Na última sesión da materia “As Linguas Estranxeiras no Contexto Español e Internacional”, tiveron lugar as presentación finais co docente Gonzalo Constenla, nas que tratamos a materia relativa ao tema 8. Nelas, algunhas compañeiras decantáronse por tratar a ensinanza de linguas estranxeiras noutros sistemas educativos considerados de éxito mundial, mentres que outras trataron diferentes metodoloxías de ensinanza-aprendizaxe. Nesta entrada, gustaríame comentar e comparar varias das presentacións vistas nas sesións dos días 16 e 17 de decembro para obter unha visión global deste último tema denominado “as linguas estranxeiras como fenómeno global”. En primeiro lugar, compararei tres das presentacións sobre algúns dos sistemas de éxito global, posto que eu tamén escollín este tema para a miña presentación (podedes consultala na entrada anterior) e, posteriormente, analizarei dous dos métodos didácticos presentados aportando a miña opinión sobre a súa utilidade.


En canto á ensinanza de linguas estranxeiras nalgúns sistemas de éxito, gustaríame comezar polo dos Países Baixos, tratado pola compañeira Lidia. Polo que vimos na clase, neste sistema o estudo das linguas estranxeiras é obrigatorio tanto na educación primaria coma na maioría das modalidades de secundaria. A oferta de idiomas é moi ampla, sendo o maioritario o inglés, e emprégase unha metodoloxía comunicativa e intercultural, ademais, os centros contan con bastante poder de decisión e poden contratar eles mesmos os docentes. Este proxecto educativo tan complexo presenta un grande éxito e, especialmente, no relacionado coas linguas estranxeiras, xa que as estatísticas demostran un elevado dominio por parte da poboación dun gran número de idiomas.

Outro dos sistemas educativos mellor considerados do mundo é o de Canadá, presentado pola compañeira Alba Pensado. A gran diferenza co resto de sistemas vistos na clase é que neste país non existe un sistema educativo nacional, senón que cada provincia conta cun ministerio con competencias para realizar os plans de estudos. A obrigatoriedade das linguas estranxeiras varía segundo as provincias, e aínda que a metodoloxía tamén pode variar, esta caracterízase en xeral pola importancia que se lle dá ao multilingüismo, a atención á diversidade e o uso das TIC. Ao ser un país bilingüe de inglés e francés, dáselles prioridade ao estudo desas dúas linguas, aínda que a oferta doutras tamén é bastante ampla.

Por último, o compañeiro Jesús falounos doutro dos sistemas educativos mellor valorados: o de Xapón. Este considérase de éxito, entre outras cousas, porque o nivel de abandono é moi baixo e isto débese a que, culturalmente, os xaponeses mostran unha gran disciplina e perseveranza. Nos últimos anos, realizouse unha reforma (con pouco éxito, por certo) para mellorar a ensinanza de linguas no país e darlles máis importancia, xa que non hai a tradición de estudalas e non se tiñan demasiado en conta ata o momento, soamente por motivos comerciais. En canto á metodoloxía que se emprega para ensinalas, chamoume a atención que dentro dos plans educativos se mencionen o número de termos de vocabulario que debe saber cada alumno dependendo do seu nivel, pois para min este factor non é relevante.


Por outra banda, coma comentei ao principio da entrada, quixera analizar dous dos métodos didácticos que se presentaron e que son bastante diferentes entre eles. O primeiro deles é o método silencioso presentado por Raquel Martínez. Este chamoume a atención porque nunca oíra falar del e porque a súa posta en práctica paréceme, canto menos, curiosa. Este método consiste en que o alumno sexa o protagonista e responsable da súa aprendizaxe, outorgándolle autonomía e motivando a autoevaluación e a cooperación. Neste proceso de ensinanza-aprendizaxe, o docente debe permanecer en total silencio, soamente ofrecendo retroalimentación e guiando ao alumnado mediante xestos e obxectos físicos (táboas de son-cor ou regretas, por exemplo). Este método desenvolveuse para que o alumnado adquira a competencia oral e auditiva, os coñecementos gramaticais e unha pronunciación correcta, con todo, penso que sería máis beneficioso se os alumnos puidesen escoitar falar a lingua estranxeira ao seu docente e así experimentar unha inmersión máis realista.

Outro dos métodos tratados foi o método comunicativo, que nos presentou a compañeira Carla. Este modelo didáctico entende a linguaxe coma un instrumento de interacción social chave e ten coma principal obxectivo que o alumnado se comunique de forma real e efectiva. Aquí, prima a comunicación a través da interacción entre alumnos, pero tamén xunto co profesor, quen os guía e facilita a aprendizaxe, unha situación que se achega máis á realidade comparado co método anterior, na miña opinión. Ademais, empréganse materiais reais relacionados tanto co contexto educativo coma cun contexto exterior ou con experiencias persoais e permite que os alumnos vaian reflexionando sobre o seu propio proceso de aprendizaxe.

En conclusión, as presentacións dos meus compañeiros axudáronme a obter unha visión panorámica sobre como se ensinan linguas en países cun sistema educativo moi ben valorado, aspecto que tiña moitas ganas de tratar. Na maioría destes sistemas podemos comprobar que non fai falla un investimento alto en materia de educación para obter bos resultados, senón simplemente aproveitar ben os recursos e concienciar a sociedade, sobre todo no respectivo ás linguas estranxeiras. Ademais, estes sistemas coinciden en empregar metodoloxías activas e enfoques construtivistas, facendo obrigatorio o estudo das linguas estranxeiras (a excepción de Irlanda!). Por outra banda, ademais dos métodos didácticos que vos comentei, tamén se trataron outros moi interesantes e coas súas respectivas vantaxes e inconvenientes á hora de aplicalos na aula. Está claro que non existe unha metodoloxía ideal nin a gusto de todos os docentes, pero sempre podemos combinar varias para obter un bo equilibrio.

Finalmente, comparto convosco varios enlaces para poder ampliar máis este tema, espero que vos sexan útiles. Un saúdo!

Alcalde Mato, N. (2011). Principales métodos de enseñanza de lenguas extrajeras en Alemania. En Revista de Lingüística y Lenguas Aplicadas, vol. 6. Recuperado de: https://dialnet.unirioja.es/descarga/articulo/4779301.pdf

Boletín Informativo Eurydice – Comisión Europea (2017). Cifras clave de la enseñanza de lenguas en los centros escolares de Europa – Edición 2017. Recuperado de: http://publications.europa.eu/resource/cellar/3b929832-3f61-11e7-a08e-01aa75ed71a1.0014.01/DOC_1

Bonilla Lynch, A. e Rojas Alfaro, R. (2012). El aprendizaje de lenguas extranjeras como herramienta para el desarrollo humano. Congreso Iberoamericano de las Lenguas en la Educación y en la Cultura. Recuperado de: https://www.oei.es/historico/congresolenguas/comunicacionesPDF/Bonilla_Alvaro2.pdf

Braine, G. (2005). Teaching English to the World: History, Curriculum and Practice. Routledge: Nova Iorque.

González Villarón, María (2015) La enseñanza de las lenguas extranjeras en España y Holanda: un estudio comparado. Recuperado de: https://eprints.ucm.es/30998/1/T36193.pdf

Muñoz Restrepo, A. P. (2010). Metodologías para la enseñanza de lenguas extranjeras. Hacia una perspectiva crítica. En Revista Universidad EAFIT, vol. 46, nº 159, 71-85. Recuperado de: http://publicaciones.eafit.edu.co/index.php/revista-universidad-eafit/article/download/1065/959/0

Muñoz Zayas, R. (2013). El aprendizaje de lenguas extranjeras en España. En eXtoikos, nº 9. Recuperado de: https://dialnet.unirioja.es/descarga/articulo/4690854.pdf

Presentación final: O ensino de linguas estranxeiras no sistema educativo de Irlanda

Boas, compañeiros e compañeiras!
Compártovos a miña presentación sobre o ensino de linguas estranxeiras no sistema educativo da República de Irlanda, por se queredes consultar algún aspecto ou algún dos enlaces que comentei na clase.
Saúdos 😄

Tema 6: As programacións didácticas vixentes (DOSIER)


Ola de novo! Nesta entrada quería compartir convosco as actividades que realizamos na aula relacionadas co tema 6, así coma as miñas reflexións ao respecto. Neste tema, que vimos durante os días 12 e 16 de decembro, tratamos as programacións didácticas vixentes, tanto na ESO, Bacharelato e FP, coma na EOI. Ademais, tratamos algúns aspectos sobre como é o concurso-oposición para chegar a ser docente de Secundaria.

Na primeira sesión, logo de comezar a tratar a teoría correspondente, realizamos unha actividade por parellas na que debíamos avaliar unha programación didáctica do curso e centro que quixésemos seguindo a rúbrica que se emprega nas oposicións. Ademais, tivemos que realizar unha presentación cos datos obtidos e explicarlla ao resto de compañeiros da aula. En primeiro lugar, puxémonos a buscar unha programación didáctica da materia de inglés, algo que resultou bastante sinxelo porque un centro que coñecíamos tíñaas públicas na súa páxina web, aínda que hai moitos que seguen sen publicalas. Posteriormente, fomos revisando o documento seguindo os criterios marcados pola rúbrica e xustificando a nota que críamos adecuada. Se facedes clic na seguinte imaxe podedes acceder á presentación coa nota (SPOILER ALERT: non aproba…).

Na miña opinión, esta actividade foi de grande utilidade porque nos permitiu, por un lado, coñecer a estrutura das programacións didácticas e ver varios exemplos e, por outro, familiarizarnos coa rúbrica empregada nas oposicións. Ambos aspectos axudarannos a elaborar programacións de maneira axeitada, tanto con vista ás oposicións coma para outras materias do mestrado.

Na segunda sesión, a tarefa consistiu en elaborar unha unidade didáctica, por parellas ou tríos, do nivel e curso que preferísemos. No meu grupo, deseñamos unha para inglés de 1º da ESO, podedes acceder a ela a través do enlace na imaxe. A pesar de que xa tivéramos que elaborar unha unidade didáctica para unha das materias do módulo común do mestrado, esta nunca é unha labor sinxela. O primeiro que tivemos que facer foi buscar un tema sobre o que desenvolver a nosa unidade, foi un pouco complicado xa que o currículo non especifica claramente o temario que debe tratarse en cada curso. Por outra parte, a maior dificultade á que nos enfrontamos, segundo o meu punto de vista, foi o de ir seleccionando os contidos e logo relacionalos cos criterios de avaliación e os estándares de aprendizaxe. Na miña opinión, estes aspectos presentan unha redacción e estrutura bastante confusa (incluso teñen erros!), o que fai que sexa complicado escoller criterios e estándares que se adecúen exactamente ao que andas buscando.


En conclusión, ambas actividades realizadas na aula parecéronme moi interesantes porque estaban ligadas á realidade docente e ao proceso de oposicións. Ao empregar a rúbrica puidemos comprobar coma moitas programacións das vistas non aprobarían, posto que faltaban moitos apartados, a información estaba mal organizada, non gardaba coherencia, etc. Por outra banda, coa elaboración da unidade didáctica puidemos empregar o currículo e volver experimentar o difícil que resulta relacionar con coherencia todos os apartados.

Aquí vos deixo algúns enlaces relacionados, un saúdo!


Gigas de tiza (2018). Ejemplo Unidad didáctica LOMCE basada en estándares. Recuperado de: https://blogs.elcorreogallego.es/gigasdetiza/2018/07/06/ejemplo-unidad-didactica-lomce-basada-en-estandares/

López Navarro, M. (s.f.). Modelo para la programación de una unidad didáctica. Recuperado de: https://www.edudactica.es/Docus/Recursos/Modelo%20Programar%20UD.pdf

Xunta de Galicia (2015). Ejemplo descargable de programación LOMCE. Recuparado de: https://www.edu.xunta.gal/portal/es/node/17426

Tema 5: O deseño curricular base (DOSIER)


Ola compañeiros e compañeiras! Nestas entradas de dosier irei compartindo as actividades individuais e colectivas que realizamos na aula na materia de “As Linguas Estranxeiras no Contexto Español e Internacional”, así coma unha reflexión das mesmas. Nesta primeira entrada, tratarei aquelas correspondentes ao tema 5 denominado “O deseño curricular base” que vimos durante o 21 e o 28 de novembro.

A primeira actividade que realizamos foi un debate piramidal, é dicir, comezamos por parellas a discutir sobre o que sabíamos do currículo, dos seus elementos, das competencias e dos graos de concreción curricular, e logo pasamos a grupos de catro, despois de seis, posteriormente de oito e, finalmente, toda a clase. A actividade foi sinxela, posto que xa realizáramos debates deste tipo noutras materias e tamén coñecíamos a teoría tratada. Con todo, penso que foi unha boa actividade para iniciar o tema, para ver o que sabíamos del e refrescar as ideas coa axuda de todos os compañeiros e compañeiras.

Outras das actividades que realizamos en ambas sesións foi un cuestionario a través da aplicación Kahoot sobre a distribución competencial da ESO e do Bacharelato, por unha parte, e da EOI, por outra. O primeiro cuestionario realizámolo de maneira individual e o segundo mediante a modalidade de grupos. Pareceume unha actividade moi dinámica mediante a cal repasamos e aprendemos conceptos ao mesmo tempo que competiamos e nos divertiamos. Penso que é unha boa ferramenta para empregar na clase e facela máis dinámica, aínda que considero que debería facerse de forma anónima para evitar rivalidades.


Por último, en ambas sesións realizamos unha actividade que consistiu en crear unha presentación oral, primeiro en grupo e logo individual, a través da información recadada e recollida nun documento de Google Drive. No meu grupo, fixemos a presentación sobre a organización e a distribución de competencias na Formación Profesional, podedes facer clic na ilustración de máis abaixo para acceder ao arquivo da presentación. Considero que este tipo de actividades son de gran utilidade para as clases, pois non só nos permite practicar a expresión oral ao presentar ante os nosos compañeiros e avaliarnos entre nós, senón que tamén mobilizamos destrezas relacionadas coa busca de información e a toma de decisións que considero fundamentais.


En conclusión, atopei as actividades realizadas neste tema 5 moi útiles e de interese, pois permitíronme afianzar e adquirir novos coñecementos relacionados co deseño curricular dunha maneira máis dinámica e activa. O feito de facer as mesmas actividades de maneira individual e grupal é unha moi boa opción, xa que ambas variedades nos aportan cousas distintas. Por unha parte, en grupo aprendemos a colaborar e a poñernos de acordo, ademais de que podemos aprender das dúbidas e dos coñecementos que teñan os nosos compañeiros. Por outra parte, de maneira individual podemos gañar independencia e autonomía, ao mesmo tempo que autoavaliamos os nosos propios coñecementos, habilidades, actitudes e destrezas.

Para finalizar, aquí vos deixo algúns enlaces relacionados con esta entrada. Léovos nos comentarios!

Martínez, G. (2017). Tecnologías y nuevas tendencias en educación: aprender jugando. El caso de Kahoot. Recuperado de: https://dialnet.unirioja.es/descarga/articulo/6228338.pdf

Moll, S. (2014). ¿Para qué sirve Google Drive en el aula? En Justifica tu Respuesta. Recuperado de: https://justificaturespuesta.com/para-que-sirve-google-drive-en-el-aula/

Ramírez, I. (2018). Kahoot!: qué es, para qué sirve y cómo funciona. En Xataka. Recuperado de: https://www.xataka.com/basics/kahoot-que-es-para-que-sirve-y-como-funciona