Ola de novo!
Nesta entrada quería compartir convosco as actividades que realizamos na aula
relacionadas co tema 6, así coma as miñas reflexións ao respecto. Neste tema,
que vimos durante os días 12 e 16 de decembro, tratamos as programacións
didácticas vixentes, tanto na ESO, Bacharelato e FP, coma na EOI. Ademais, tratamos
algúns aspectos sobre como é o concurso-oposición para chegar a ser docente de
Secundaria.
Na primeira
sesión, logo de comezar a tratar a teoría correspondente, realizamos unha
actividade por parellas na que debíamos avaliar unha programación didáctica do
curso e centro que quixésemos seguindo a rúbrica que se emprega nas oposicións.
Ademais, tivemos que realizar unha presentación cos datos obtidos e explicarlla
ao resto de compañeiros da aula. En primeiro lugar, puxémonos a buscar unha
programación didáctica da materia de inglés, algo que resultou bastante sinxelo
porque un centro que coñecíamos tíñaas públicas na súa páxina web, aínda que
hai moitos que seguen sen publicalas. Posteriormente, fomos revisando o
documento seguindo os criterios marcados pola rúbrica e xustificando a nota que
críamos adecuada. Se facedes clic na seguinte imaxe podedes acceder á
presentación coa nota (SPOILER ALERT: non aproba…).
Na miña opinión,
esta actividade foi de grande utilidade porque nos permitiu, por un lado,
coñecer a estrutura das programacións didácticas e ver varios exemplos e, por
outro, familiarizarnos coa rúbrica empregada nas oposicións. Ambos aspectos
axudarannos a elaborar programacións de maneira axeitada, tanto con vista ás
oposicións coma para outras materias do mestrado.
Na segunda
sesión, a tarefa consistiu en elaborar unha unidade didáctica, por parellas ou
tríos, do nivel e curso que preferísemos. No meu grupo, deseñamos unha para inglés
de 1º da ESO, podedes acceder a ela a través do enlace na imaxe. A pesar de que
xa tivéramos que elaborar unha unidade didáctica para unha das materias do
módulo común do mestrado, esta nunca é unha labor sinxela. O primeiro que
tivemos que facer foi buscar un tema sobre o que desenvolver a nosa unidade,
foi un pouco complicado xa que o currículo non especifica claramente o temario
que debe tratarse en cada curso. Por outra parte, a maior dificultade á que nos
enfrontamos, segundo o meu punto de vista, foi o de ir seleccionando os
contidos e logo relacionalos cos criterios de avaliación e os estándares de
aprendizaxe. Na miña opinión, estes aspectos presentan unha redacción e
estrutura bastante confusa (incluso teñen erros!), o que fai que sexa
complicado escoller criterios e estándares que se adecúen exactamente ao que
andas buscando.
En conclusión,
ambas actividades realizadas na aula parecéronme moi interesantes porque
estaban ligadas á realidade docente e ao proceso de oposicións. Ao empregar a
rúbrica puidemos comprobar coma moitas programacións das vistas non aprobarían,
posto que faltaban moitos apartados, a información estaba mal organizada, non
gardaba coherencia, etc. Por outra banda, coa elaboración da unidade didáctica puidemos
empregar o currículo e volver experimentar o difícil que resulta relacionar con
coherencia todos os apartados.
Aquí vos deixo
algúns enlaces relacionados, un saúdo!
Gigas de tiza
(2018). Ejemplo Unidad didáctica LOMCE
basada en estándares. Recuperado de: https://blogs.elcorreogallego.es/gigasdetiza/2018/07/06/ejemplo-unidad-didactica-lomce-basada-en-estandares/
López Navarro, M.
(s.f.). Modelo para la programación de
una unidad didáctica. Recuperado de: https://www.edudactica.es/Docus/Recursos/Modelo%20Programar%20UD.pdf
Xunta de Galicia
(2015). Ejemplo descargable de
programación LOMCE. Recuparado de: https://www.edu.xunta.gal/portal/es/node/17426

