Mostrando entradas con la etiqueta unidade didáctica. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta unidade didáctica. Mostrar todas las entradas

Tema 6: As programacións didácticas vixentes (DOSIER)


Ola de novo! Nesta entrada quería compartir convosco as actividades que realizamos na aula relacionadas co tema 6, así coma as miñas reflexións ao respecto. Neste tema, que vimos durante os días 12 e 16 de decembro, tratamos as programacións didácticas vixentes, tanto na ESO, Bacharelato e FP, coma na EOI. Ademais, tratamos algúns aspectos sobre como é o concurso-oposición para chegar a ser docente de Secundaria.

Na primeira sesión, logo de comezar a tratar a teoría correspondente, realizamos unha actividade por parellas na que debíamos avaliar unha programación didáctica do curso e centro que quixésemos seguindo a rúbrica que se emprega nas oposicións. Ademais, tivemos que realizar unha presentación cos datos obtidos e explicarlla ao resto de compañeiros da aula. En primeiro lugar, puxémonos a buscar unha programación didáctica da materia de inglés, algo que resultou bastante sinxelo porque un centro que coñecíamos tíñaas públicas na súa páxina web, aínda que hai moitos que seguen sen publicalas. Posteriormente, fomos revisando o documento seguindo os criterios marcados pola rúbrica e xustificando a nota que críamos adecuada. Se facedes clic na seguinte imaxe podedes acceder á presentación coa nota (SPOILER ALERT: non aproba…).

Na miña opinión, esta actividade foi de grande utilidade porque nos permitiu, por un lado, coñecer a estrutura das programacións didácticas e ver varios exemplos e, por outro, familiarizarnos coa rúbrica empregada nas oposicións. Ambos aspectos axudarannos a elaborar programacións de maneira axeitada, tanto con vista ás oposicións coma para outras materias do mestrado.

Na segunda sesión, a tarefa consistiu en elaborar unha unidade didáctica, por parellas ou tríos, do nivel e curso que preferísemos. No meu grupo, deseñamos unha para inglés de 1º da ESO, podedes acceder a ela a través do enlace na imaxe. A pesar de que xa tivéramos que elaborar unha unidade didáctica para unha das materias do módulo común do mestrado, esta nunca é unha labor sinxela. O primeiro que tivemos que facer foi buscar un tema sobre o que desenvolver a nosa unidade, foi un pouco complicado xa que o currículo non especifica claramente o temario que debe tratarse en cada curso. Por outra parte, a maior dificultade á que nos enfrontamos, segundo o meu punto de vista, foi o de ir seleccionando os contidos e logo relacionalos cos criterios de avaliación e os estándares de aprendizaxe. Na miña opinión, estes aspectos presentan unha redacción e estrutura bastante confusa (incluso teñen erros!), o que fai que sexa complicado escoller criterios e estándares que se adecúen exactamente ao que andas buscando.


En conclusión, ambas actividades realizadas na aula parecéronme moi interesantes porque estaban ligadas á realidade docente e ao proceso de oposicións. Ao empregar a rúbrica puidemos comprobar coma moitas programacións das vistas non aprobarían, posto que faltaban moitos apartados, a información estaba mal organizada, non gardaba coherencia, etc. Por outra banda, coa elaboración da unidade didáctica puidemos empregar o currículo e volver experimentar o difícil que resulta relacionar con coherencia todos os apartados.

Aquí vos deixo algúns enlaces relacionados, un saúdo!


Gigas de tiza (2018). Ejemplo Unidad didáctica LOMCE basada en estándares. Recuperado de: https://blogs.elcorreogallego.es/gigasdetiza/2018/07/06/ejemplo-unidad-didactica-lomce-basada-en-estandares/

López Navarro, M. (s.f.). Modelo para la programación de una unidad didáctica. Recuperado de: https://www.edudactica.es/Docus/Recursos/Modelo%20Programar%20UD.pdf

Xunta de Galicia (2015). Ejemplo descargable de programación LOMCE. Recuparado de: https://www.edu.xunta.gal/portal/es/node/17426