Tema 1: Situacións e variábeis na situación de ensino das linguas estranxeiras: contextos de adquisición e uso, repertorio lingüístico, a lingua estranxeira a idades precoces.


Ola de novo! Nesta entrada, tratarei os contidos vistos na parte da materia de Didáctica que imparte o docente Gonzalo. Neste tema 1, falamos sobre as diferentes situacións e contextos de uso que se poden dar no ensino de linguas estranxeiras, así coma as diversas variables que poden xurdir e condicionar estas situacións. Ademais, durante a sesión realizamos diversas actividades que nos axudaron a comprender mellor diferentes conceptos e a debater sobre eles.


En primeiro lugar, debemos diferenciar entre tres conceptos básicos dentro do contexto de adquisición dunha lingua: lingua inicial, lingua segunda e lingua estranxeira. A lingua inicial é aquela (ou aquelas, xa que podemos adquirir dúas linguas iniciais) que aprendemos primeiro, antes da etapa escolar e de maneira inconsciente, é dicir, sen darse ningunha intencionalidade. Sería a chamada lingua materna ou natal, aínda que estes termos poden resultar confusos porque se soen confundir co de lingua oficial. Tampouco debemos confundir este concepto co de lingua de herdanza ou contextual, posto que estas farían referencia a unha lingua que herdamos e que polo tanto sabemos falar e entendémola, pero non somos capaces de escribila. A lingua segunda é a que se adquire despois da inicial e esta pódese aprender en diversos contextos: na escola, na rúa, coma lingua administrativa, coma lingua do ensino, etc. Do mesmo xeito que a lingua inicial, pódense adquirir varias linguas segundas. Por último, unha lingua estranxeira é a que se aprende no contexto escolar, de xeito consciente e cunha intención clara; tamén se poden aprender varias ao mesmo tempo. Para comezar a tratar este tema na aula, realizamos unha actividade por parellas ou pequenos grupos consistente en crear un diagrama de Venn para observar as características de uso e aprendizaxe dunha lingua materna e dunha lingua estranxeira. A continuación podedes ver unha foto do diagrama que creamos no meu grupo para ver as diferenzas e as similitudes entre estes dous procesos. Na miña opinión, esta actividade foi moi interesante porque nos fixo reflexionar, principalmente, sobre como era a adquisición dunha lingua materna, algo no que persoalmente nunca me parara a pensar. Ademais, a partir desta actividade puidemos comprobar que o diagrama de Venn podería empregarse nunha aula de lingua estranxeiras, por exemplo para tratar vocabulario, aspectos gramaticais coma as preposicións, phrasal verbs, etc.


En canto ao contexto de uso, é importante diferenciar tamén tres conceptos fundamentais: lingua habitual, lingua de traballo e lingua vehicular. O concepto de lingua habitual constitúe aquela que emprega un falante na maioría dos seus contextos comunicativos. De novo, unha persoa pode ter varias linguas habituais, por exemplo, se é bilingüe. É importante remarcar aquí que a lingua inicial, que vimos no parágrafo anterior, non ten por que ser a mesma que a lingua habitual. Esta situación daríase por exemplo en persoas inmigrantes que empregan unha lingua diferente nas súas comunicacións diarias á que adquiriron de nenos. A lingua de traballo é aquela que constitúe o principal medio de comunicación nun organismo internacional, nunha empresa multinacional, nun estado plurilingüe, etc., por exemplo, na Unión Europea. Este concepto non sería sinónimo ao de lingua oficial, que é o idioma que emprega un Estado para a publicación dos seus instrumentos legais ou nos actos da administración pública e de xustiza. Finalmente, a lingua vehicular é a que serve de medio de comunicación entre falantes de linguas diferentes; a tamén chamada lingua franca. Este tipo de linguas soen escollerse ou negociarse dependendo da finalidade que pretendamos ou da actividade que imos levar a cabo. Para ilustrar esta teoría, en grupos realizamos unha actividade chamada Placemat e que consistiu en dividir un folio A3 en diferentes seccións (dependendo do número de integrantes do grupo) e deixando un recadro no medio para anotar diferentes preguntas. Cada membro do grupo debía responder ás preguntas no seu recadro e, logo, entre todos debater e escoller unha soa resposta común para o grupo. Abaixo déixovos unha foto coas preguntas das que falamos, no meu grupo en concreto tratamos as preguntas 4 e 6 e houbo bastante consenso entre as nosas respostas.


Coma comentaba ao principio, poden xurdir certas variables que condicionen estas situacións de ensino dunha lingua estranxeira e poden depender das características do alumnado, do centro e dos propios obxectivos que se marquen. En primeiro lugar, os factores que condicionan ao alumnado son: a idade e a lingua inicial. A etapa na que se atope o alumno inflúe moito na súa aprendizaxe, xa que as capacidades de adquisición dunha lingua varían dependendo da idade. Por outra parte, a lingua inicial pode facer máis fácil ou máis difícil o proceso de adquisición doutra lingua, pois non é o mesmo aprender unha lingua cunha orixe e estrutura similares á inicial que outra que cambie drasticamente. En segundo lugar, o tipo de centro tamén condiciona o proceso de ensinanza-aprendizaxe, xa que influirán en grande medida os recursos cos que conte, o tipo de metodoloxía que empregue e as relacións que se establezan entre os docentes e o alumnado. Por último, este proceso tamén está marcado polas necesidades que posúe o alumno e polos obxectivos e metas que marque el mesmo e o docente. A nosa misión coma docentes non é só a de ensinarlles unha lingua estranxeira específica, senón conseguir enriquecer o repertorio lingüístico do alumnado a través de diferentes metodoloxías e tipos de didáctica (didáctica da lingua inicial, da lingua segunda, da lingua estranxeira, aprendizaxe para idades precoces, aprendizaxe para fins específicos ou aprendizaxe integrado de contidos e linguas estranxeiras). Aquí vos deixo un exemplo do meu repertorio lingüístico persoal, diferenciando entre linguas e variantes lingüísticas e entre aquelas das cales posúo un coñecemento activo ou pasivo:

Como conclusión, considero que as actividades que realizamos nesta parte da materia, xunto coa teoría vista, nos foron moi útiles para tratar diferentes conceptos sobre os que tiñamos dúbidas e dos que non falaramos anteriormente noutras materias, ademais de para coñecer mellor a realidade lingüística que nos rodea. Por outra parte, estas actividades sempre podemos levalas ao noso terreo e aplicalas nun futuro nunha aula de linguas estranxeiras, xa que poden resultar moi beneficiosas e ser dinámicas.

Aquí vos deixo varias ligazóns relacionadas co tema, saúdos!


Del Campo Ponz, C. (s.d.). La lengua extranjera como vehículo de una educación global. Recuperado de: https://core.ac.uk/download/pdf/11503452.pdf

Ministerio de Educación (2009). Las lenguas extranjeras como vehículo de comunicación internacional. Madrid. Recuperado de: https://sede.educacion.gob.es/publiventa/PdfServlet?pdf=VP12495.pdf&area=E

Rubio Osuna, Mª. C. (2011). Factores que intervienen en el aprendizaje de una segunda lengua. Recuperado de: https://archivos.csif.es/archivos/andalucia/ensenanza/revistas/iee/Numero_46/MARIA_DEL_CARMEN_RUBIO_OSUNA_02.pdf

Ruiz Calatrava, M. C. (2009). El aprendizaje de una lengua extranjera a distintas edades. En Espiral. Cuadernos del Profesorado, 2 (3), 98-13. Recuperado de: www.cepcuevasolula.es/espiral


Santos Rovira, J. M. (2012). Fundamentación teórica de la importancia de la lengua materna en el proceso de adquisición de lenguas extranjeras. En Sintagnia 24, 49-63. Recuperado de: http://www.sintagma.udl.cat/export/sites/Sintagma/documents/articles_24/santos_rovira.pdf

Comentarios noutros blogs (Cristina)

Boas, compañeiros e compañeiras!

Aquí vos deixo as ligazóns a diferentes comentarios que fixen nos blogs de compañeiras relacionados co temario visto na parte da materia de Didáctica que imparte a docente Cristina.


Tema 4: A avaliación na aula de linguas estranxeiras: avaliación inicial, formativa e final, e uso de descritores


Ola de novo a todas e a todos! Nesta entrada do blog tratarei os contidos vistos na última sesión (día 4 de febreiro) coa docente Cristina, que versou sobre a avaliación e o uso de rúbricas na aula de linguas estranxeiras. Avaliar consiste en recoller datos de maneira sistemática para tomar decisións dentro do proceso de ensino-aprendizaxe e debe facerse de maneira transparente, consistente e presentando uns obxectivos claros (ollo, non confundir con cualificar, que é soamente poñer unha nota numérica!). Existen diversos tipos de avaliacións: a inicial ou diagnóstica, a formativa ou continua e a sumativa ou final. Ademais de que o docente avalíe aos alumnos, que sería a chamada heteroavaliación, o alumnado tamén se pode avaliar a si mesmo, é dicir, facer unha autoavaliación, ou avaliarse entre os compañeiros, levar a cabo unha coavaliación. Do mesmo xeito, é fundamental que o profesorado avalíe a súa propia práctica docente para ver se é preciso modificar algún aspecto da metodoloxía empregada.


En primeiro lugar, a avaliación inicial ou diagnóstica é aquela que se leva a cabo para saber de onde partimos, é dicir, que contidos, destrezas e habilidades xa teñen adquiridas os alumnos. Penso que é preciso facer este tipo de avaliación non só ao principio do curso, senón tamén ao comezo de novas unidades para asegurarnos en todo momento de que o alumnado conta cos recursos precisos para chegar aos obxectivos marcados e, tamén, para que estes se familiaricen cos contidos que se van tratar. Por outro lado, a avaliación formativa ou continua, denominada en inglés como assessment for learning, consiste en monitorar a aprendizaxe dos alumnos de maneira continua e proporcionarlles feedback para que poidan identificar os seus puntos fortes e débiles e centrarse no que poden mellorar. Esta tamén permite ao profesor identificar as áreas nas que os alumnos teñen máis dificultades e tomar decisións en canto á modificación da metodoloxía, á implementación de reforzo, entre outras medidas. Por último, a avaliación sumativa ou final comprende a suma de todos os resultados obtidos nas avaliacións co obxectivo de acreditar os coñecementos adquiridos e cualificar ou certificar ese proceso de aprendizaxe.

Aínda que os tres tipos de avaliación son precisos e fundamentais no proceso de ensino-aprendizaxe, na miña opinión, o tipo máis importante é a avaliación formativa, xa que ocorre nun prazo máis longo e continuado no tempo e permite o progreso efectivo na aprendizaxe por parte dos alumnos e a mellora da labor docente. Canta máis información vaiamos recollendo dun alumno ao longo do curso, saberemos mellor como avanza e o que debe facer para alcanzar os obxectivos propostos. Con todo, non serviría de nada recoller datos do progreso do alumnado se non somos capaces de proporcionarlles feedback para que poidan actuar ante calquera problema. O feedback pode dárselle ao alumnado de maneiras moi diferentes, a máis coñecida é cunha nota numérica, pero outras máis efectivas serían a través de comentarios por escrito ou reunións presenciais na aula de maneira informal, por exemplo. Durante a sesión, fixemos un debate sobre as vantaxes e desvantaxes dos distintos xeitos de dar feedback e concluímos que unha das mellores formas é facelo mediante comentarios, pero asegurándonos sempre de que o alumnado asimila correctamente esa información e a entende. Na miña opinión, unha nota numérica non aporta información sobre como mellorar e pode ter moitas desvantaxes tales coma a competitividade e a comparativa entre compañeiros, a relaxación ou frustración, etc. Sen embargo, estamos tan habituados a este sistema que resulta complicado cambialo e penso que o alumnado estaría un pouco perdido ao principio se non lle aportamos unha cualificación. Relacionado con este tipo de avaliación, atopei moi útil o que discutimos na sesión sobre as diferentes estratexias para poder incorporar de maneira efectiva a avaliación formativa na aula. É importante, en primeiro lugar, que compartamos co alumnado o que se espera deles. Isto pode facerse, por exemplo, traballando coas rúbricas para que se familiaricen con elas, empregando mostras de traballos exemplares, etc. Con todo, unha das propostas para levar isto a cabo e que considero que serán máis efectivas é a da coavaliación e autoavaliación; a través das cales conseguiremos que os alumnos se responsabilicen da súa propia aprendizaxe e da dos seus compañeiros, ao mesmo tempo que adquiren unha habilidade que lles será útil para toda a súa vida.

Unha vez tratados os diferentes tipos de avaliación, é interesante coñecer os instrumentos que podemos deseñar e empregar para levalas a cabo. Os exames, aínda que útiles para avaliar certos aspectos, non resultan eficaces nin xustos para a recollida de datos sistemática. O feito de realizar un exame nun día en concreto pode condicionar o resultado do alumnado, xa que interveñen factores de medo, ansiedade, nervios, problemas puntuais, etc., polo que non nos estará amosando a realidade completa do proceso de aprendizaxe dese alumno. Existen outros instrumentos máis innovadores e que se adaptan mellor á realidade actual, tales coma as listas de chequeo, a observación, os sondeos, as charlas e entrevistas, as rúbricas, os baremos, os diarios, etc. Coma vos adiantaba na entrada anterior, as rúbricas constitúen un dos mellores instrumentos para a avaliación formativa das diferentes actividades da lingua porque, por un lado, o alumno pode comprobar de maneira sinxela o nivel no que se atopa e o que debe facer para avanzar na escala e, por outro lado, son moi fáciles de empregar polo docente. Non obstante, para que o seu uso resulte favorable deben estar moi ben redactadas, ser descritivas e amosar os obxectivos de aprendizaxe de maneira clara. Para que unha rúbrica sexa unha rúbrica, debe conter tres elementos: unha escala de cualificación, uns criterios e unhas descricións. Os criterios deben ser claros e que se poidan describir en diferentes niveis, e escala debe dividirse por niveis e ser coherente cos criterios e descricións que se empreguen e, finalmente, as descricións deben ser progresivas, reflectir de maneira completa o que se espera do alumnado e amosar unha linguaxe sinxela.

Para concluír, gustaríame engadir que na aula levamos a cabo numerosas actividades para poñer en práctica toda a teoría tratada. A maioría delas desenvolvéronse en forma de debates, primeiro por parellas ou tríos e logo entre todos, para comprobar tanto os nosos coñecementos previos ao tema coma para expresar a nosa opinión ao respecto. Atopo este tipo de debates moi enriquecedores porque non só nos permiten reflexionar sobre o tema de maneira individual durante uns minutos para asimilar a información, senón que a opinión do resto de compañeiros permítenos ampliar as nosas fronteiras e ver temas que ao mellor non consideráramos. Ademais, realizamos un par de actividades máis prácticas consistentes en volver á actividade de mediación que deseñáramos anteriormente e aplicarlle unha avaliación formativa. No meu grupo, decidimos empregar unha lista de chequeo que poidan usar tanto o docente coma os propios alumnos para realizar unha autoavaliación e unha coavaliación da tarefa. A modo de comentario final, dicir que este tema pareceume moi interesante porque, a pesar de telo tratado noutras materias, aínda tiña moitas dúbidas ao respecto. Penso que a avaliación require de moito tempo por parte do docente, tanto fóra da aula coma dentro, se pretendemos formar ao noso alumnado a realizar autoavaliacións e coavaliacións. No entanto, os beneficios que aporta son abismais, tal coma demostran diversos estudos. Na miña opinión, deberíamos ir esquecéndonos das notas numéricas e empregar outras formas de avaliación que sexan probas verídicas da aprendizaxe de cada alumno.

Aquí vos deixo algúns enlaces de interese, saúdos!

British Council (s.f.). Assessment for Learning. Recuperado de: https://www.teachingenglish.org.uk/article/assessment-learning

Cortés de las Heras, J. (2014). Diseño de rúbricas. Cuaderno de instrumentos de evaluación #2. Recuperado de: https://www.santiagoapostolcabanyal.es/wp-content/uploads/2017/08/Dise%C3%B1o-de-r%C3%BAbricas.pdf

Ezeiza Ramos, J. (s.f.) Instrumentos para la evalución formativa en los programas de enseñanza de lengua con fines específicos. XX Congreso Internacional de la Asociación para la Enseñanza del Español como Lengua Extranjera (ASELE). Recuperado de: https://cvc.cervantes.es/ensenanza/biblioteca_ele/asele/pdf/20/20_0392.pdf

Wride, M. (2017). Guide to Peer Assessment. University of Dublin: Trinity College. Recuperado de: https://www.tcd.ie/CAPSL/assets/pdf/Academic%20Practice%20Resources/Guide%20to%20Student%20Peer%20Assessment.pdf

Tema 5: Estratexias de comunicación. Actividades da lingua e uso de rubrics.


Ola compañeiros e compañeiras! Logo das vacacións de Nadal, volvemos a lernos nos blogs para tratar os contidos tratados e as actividades realizadas na materia de Didáctica da Ensinanza das Linguas Estranxeiras. Nesta primeira entrada, falareivos sobre o tema 5, no que vimos as catro actividades da lingua ou modos de comunicación: a mediación lingüística, a comprensión oral e escrita, a produción e interacción oral e a produción e interacción escrita. Ademais disto, realizamos diversas actividades prácticas para ilustrar como poderían introducirse estas na aula e falamos sobre o uso das rúbricas na avaliación formativa. Este tema desenvolveuse os días 9, 13 e 15 de xaneiro coa docente Cristina Rodríguez.

En primeiro lugar, as actividades de mediación lingüística son aquelas que posibilitan a comunicación entre persoas que non son capaces, polo motivo que sexa, de comunicarse entre si directamente ou con éxito. A mediación pode darse tanto de maneira oral coma escrita e pode ser interlingüística ou intralingüística. Existen dous tipos principais: a cognitiva (a que se fai de maneira interna) e a relacional (a que empregamos con outras persoas). Neste contexto, a que nos interesa é a relacional que, á súa vez, se pode clasificar en lingüística ou textual, conceptual e social ou cultural. Para introducir esta actividade na aula é interesante, por exemplo, integrar diversas destrezas, cambiar de modos ou rexistros, empregar materiais reais e introducir outras linguas. Relacionado con este último aspecto, é importante ter en conta o concepto de plurilingüismo e perfil plurilingüe, sobre o cal debatemos na clase. Ademais deste debate que nos axudou a coñecer mellor os nosos perfís, na clase tamén realizamos unha actividade consistente en analizar diversos exemplos de actividades de mediación que nos permitiu constatar os obxectivos destas tarefas, así coma as diferentes competencias e estratexias que debe reunir o alumnado para superalas. Finalmente, por grupos tivemos que deseñar unha actividade de mediación e presentarlla ao resto de compañeiros. No meu grupo, deseñamos unha actividade a partir dunhas imaxes en español, na que o alumnado por parellas debería poñerse de acordo para escoller a entrada e o modo de transporte que preferiran para ir a un festival de música. Esta última actividade foi moi interesante porque nos permitiu aplicar a teoría vista á práctica de deseñar unha actividade que fose factible de aplicar nunha aula de Secundaria.

En segundo lugar, temos as actividades de comprensión oral e escrita que poden ser de tipo extensiva (a que se realiza fóra da aula, por exemplo ver películas, ler, etc.) ou intensiva (a realizada na aula). As actividades de comprensión poden ser de diversos tipos, por exemplo, para entender as ideas principais ou datos específicos, para identificar actitudes ou opinións, entender instrucións, etc. Para aplicar con éxito estas actividades na aula, é preciso que se descompoñan en varias fases: unha de presentación para que o alumnado se familiarice co contido ou co vocabulario, unha primeira lectura ou escoita para localizar a información ou comprobar as predicións que se fixeron anteriormente, unha segunda lectura ou escoita onde traballar máis en profundidade o texto, unha post-lectura/escoita na que os alumnos deban trasladar esa información comprendida ou ampliala e unha posta en común final. Para poñer en práctica esta parte da materia, tivemos que elaborar por grupos unha actividade de comprensión para aplicar nunha aula. Xunto coas miñas compañeiras, deseñamos unha actividade de comprensión lectora baseada nun folleto dun museo coa temática da espionaxe e con varios exercicios para levar a cabo as distintas fases que mencionei anteriormente. Durante o desenvolvemento desta actividade, puidemos constatar a importancia de deseñar estas diferentes fases para que a comprensión sexa progresiva e máis significativa.

Por último, as actividades de produción e interacción poden ser tamén escritas ou orais. Debido a que as de escritura consumen moito tempo, soen relegarse a facer na casa; con todo, é interesante que se realicen pequenas producións na aula nas que prime a mensaxe e non a corrección gramatical, e facelas cooperativas e interactivas. Tamén se deben traballar na aula as diferentes fases que deben compoñer o proceso de escritura (unha primeira planificación, a elaboración dun borrador e unha versión final) para que o alumnado poida chegar a un resultado satisfactorio. Na aula, realizamos unha pequena actividade por grupos na que tiñamos que pensar a maneira de poñer en práctica diferentes tarefas. No noso caso, tocounos a de escribir unha pequena reseña e pensamos que un bo xeito de facelo sería visualizando un tráiler dunha película e que logo por grupos o alumnado escribise a súa opinión para recomendarlla ou non aos seus compañeiros. Por outra parte, a produción e interacción oral constitúe unha das actividades máis importantes nas aulas de lingua, principalmente porque son as que menos se poden practicar fóra dela, por iso é fundamental que as tratemos e que o alumnado colla o hábito de falar todos os días na clase, perdendo así o medo e creando un bo ambiente. Para ilustrar esta actividade da lingua, na aula revisamos varias páxinas web con diferentes propostas prácticas e escollemos unha para explicarlle aos nosos compañeiros. Finalmente, tamén puidemos comprobar que as rúbricas son un dos mellores instrumentos para realizar unha avaliación formativa das diferentes actividades da lingua, aínda que, como puidemos comprobar de primeira man, a súa elaboración e redacción é bastante complexa.


Podemos concluír, entón, que todas actividades de lingua son fundamentais e deben tratarse na aula de maneira que non exista separación entre elas, senón que se relacionen. Por exemplo, unha actividade de comprensión pode levarnos a unha de produción ou unha de mediación a outra de comprensión e produción de diversos tipos. É certo que deberíamos darlle a mesma importancia a todas, pero na miña opinión, é fundamental que se practiquen moito as actividades de produción e interacción oral, porque, como xa comentei, o alumnado non ten demasiadas oportunidades de facelo pola súa conta e, ademais, son actividades que requiren de moita práctica. Do mesmo xeito, creo que a mediación é unha actividade aínda un pouco descoñecida, pero que aporta numerosos beneficios ao alumnado xa que traballa ao mesmo tempo moitas competencias e vive unha experiencia real da situación plurilingüe coa que contamos hoxe en día. Por outra parte, opino que antes de propoñer estas actividades da aula, sería de gran axuda mostrarlle ao alumnado un exemplo do resultado que esperamos por parte deles. Para rematar, gustaríame comentar que as actividades que realizamos na aula fóronme de gran utilidade posto que puiden experimentar como é o proceso de deseño e como se poderían introducir nunha aula os diversos modos comunicativos. Alén diso, poder compartilo co resto de compañeiros e escoitar as súas propostas aportoume outros puntos de vista e opinións moi interesantes que seguro que poderei empregar nun futuro.

Aquí vos deixo varias referencias relacionadas con este tema, espero que vos sexan de utilidade:

De Arriba, C. e Cantero, F. J. (2004) La mediación lingüística en la enseñanza de lenguas. En Didáctica (Lengua y Literatura), vol. 16, 9-21. Recuperado de: https://revistas.ucm.es/index.php/DIDA/article/view/DIDA0404110009A/19322

Corpas, Mª D. e Madrid, D. (2008). Desarrollo de la Comprensión Oral en Inglés como LE al Término de la Educación Secundaria Obligatoria española. En Porta Linguarum, vol. 11, 129-145. Recuperado de: https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=2786793

Rico, J. P., Ramírez, M. S. e Montiel, S. (2016). Desarrollo de la competencia oral del inglés mediante recursos educativos abiertos. En Apertura, vol. 18. Recuperado de: http://www.scielo.org.mx/scielo.php?script=sci_arttext&pid=S1665-61802016000200006

Chowdhury, F. (2018). Application of Rubrics in the Classroom: A Vital Tool for Improvement in Assessment, Feedback and Learning. En International Education Studies, vol 12 (1), 61. Recuperado de: https://www.researchgate.net/publication/329986506_Application_of_Rubrics_in_the_Classroom_A_Vital_Tool_for_Improvement_in_Assessment_Feedback_and_Learning