Mostrando entradas con la etiqueta modos de comunicación. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta modos de comunicación. Mostrar todas las entradas

Tema 5: Estratexias de comunicación. Actividades da lingua e uso de rubrics.


Ola compañeiros e compañeiras! Logo das vacacións de Nadal, volvemos a lernos nos blogs para tratar os contidos tratados e as actividades realizadas na materia de Didáctica da Ensinanza das Linguas Estranxeiras. Nesta primeira entrada, falareivos sobre o tema 5, no que vimos as catro actividades da lingua ou modos de comunicación: a mediación lingüística, a comprensión oral e escrita, a produción e interacción oral e a produción e interacción escrita. Ademais disto, realizamos diversas actividades prácticas para ilustrar como poderían introducirse estas na aula e falamos sobre o uso das rúbricas na avaliación formativa. Este tema desenvolveuse os días 9, 13 e 15 de xaneiro coa docente Cristina Rodríguez.

En primeiro lugar, as actividades de mediación lingüística son aquelas que posibilitan a comunicación entre persoas que non son capaces, polo motivo que sexa, de comunicarse entre si directamente ou con éxito. A mediación pode darse tanto de maneira oral coma escrita e pode ser interlingüística ou intralingüística. Existen dous tipos principais: a cognitiva (a que se fai de maneira interna) e a relacional (a que empregamos con outras persoas). Neste contexto, a que nos interesa é a relacional que, á súa vez, se pode clasificar en lingüística ou textual, conceptual e social ou cultural. Para introducir esta actividade na aula é interesante, por exemplo, integrar diversas destrezas, cambiar de modos ou rexistros, empregar materiais reais e introducir outras linguas. Relacionado con este último aspecto, é importante ter en conta o concepto de plurilingüismo e perfil plurilingüe, sobre o cal debatemos na clase. Ademais deste debate que nos axudou a coñecer mellor os nosos perfís, na clase tamén realizamos unha actividade consistente en analizar diversos exemplos de actividades de mediación que nos permitiu constatar os obxectivos destas tarefas, así coma as diferentes competencias e estratexias que debe reunir o alumnado para superalas. Finalmente, por grupos tivemos que deseñar unha actividade de mediación e presentarlla ao resto de compañeiros. No meu grupo, deseñamos unha actividade a partir dunhas imaxes en español, na que o alumnado por parellas debería poñerse de acordo para escoller a entrada e o modo de transporte que preferiran para ir a un festival de música. Esta última actividade foi moi interesante porque nos permitiu aplicar a teoría vista á práctica de deseñar unha actividade que fose factible de aplicar nunha aula de Secundaria.

En segundo lugar, temos as actividades de comprensión oral e escrita que poden ser de tipo extensiva (a que se realiza fóra da aula, por exemplo ver películas, ler, etc.) ou intensiva (a realizada na aula). As actividades de comprensión poden ser de diversos tipos, por exemplo, para entender as ideas principais ou datos específicos, para identificar actitudes ou opinións, entender instrucións, etc. Para aplicar con éxito estas actividades na aula, é preciso que se descompoñan en varias fases: unha de presentación para que o alumnado se familiarice co contido ou co vocabulario, unha primeira lectura ou escoita para localizar a información ou comprobar as predicións que se fixeron anteriormente, unha segunda lectura ou escoita onde traballar máis en profundidade o texto, unha post-lectura/escoita na que os alumnos deban trasladar esa información comprendida ou ampliala e unha posta en común final. Para poñer en práctica esta parte da materia, tivemos que elaborar por grupos unha actividade de comprensión para aplicar nunha aula. Xunto coas miñas compañeiras, deseñamos unha actividade de comprensión lectora baseada nun folleto dun museo coa temática da espionaxe e con varios exercicios para levar a cabo as distintas fases que mencionei anteriormente. Durante o desenvolvemento desta actividade, puidemos constatar a importancia de deseñar estas diferentes fases para que a comprensión sexa progresiva e máis significativa.

Por último, as actividades de produción e interacción poden ser tamén escritas ou orais. Debido a que as de escritura consumen moito tempo, soen relegarse a facer na casa; con todo, é interesante que se realicen pequenas producións na aula nas que prime a mensaxe e non a corrección gramatical, e facelas cooperativas e interactivas. Tamén se deben traballar na aula as diferentes fases que deben compoñer o proceso de escritura (unha primeira planificación, a elaboración dun borrador e unha versión final) para que o alumnado poida chegar a un resultado satisfactorio. Na aula, realizamos unha pequena actividade por grupos na que tiñamos que pensar a maneira de poñer en práctica diferentes tarefas. No noso caso, tocounos a de escribir unha pequena reseña e pensamos que un bo xeito de facelo sería visualizando un tráiler dunha película e que logo por grupos o alumnado escribise a súa opinión para recomendarlla ou non aos seus compañeiros. Por outra parte, a produción e interacción oral constitúe unha das actividades máis importantes nas aulas de lingua, principalmente porque son as que menos se poden practicar fóra dela, por iso é fundamental que as tratemos e que o alumnado colla o hábito de falar todos os días na clase, perdendo así o medo e creando un bo ambiente. Para ilustrar esta actividade da lingua, na aula revisamos varias páxinas web con diferentes propostas prácticas e escollemos unha para explicarlle aos nosos compañeiros. Finalmente, tamén puidemos comprobar que as rúbricas son un dos mellores instrumentos para realizar unha avaliación formativa das diferentes actividades da lingua, aínda que, como puidemos comprobar de primeira man, a súa elaboración e redacción é bastante complexa.


Podemos concluír, entón, que todas actividades de lingua son fundamentais e deben tratarse na aula de maneira que non exista separación entre elas, senón que se relacionen. Por exemplo, unha actividade de comprensión pode levarnos a unha de produción ou unha de mediación a outra de comprensión e produción de diversos tipos. É certo que deberíamos darlle a mesma importancia a todas, pero na miña opinión, é fundamental que se practiquen moito as actividades de produción e interacción oral, porque, como xa comentei, o alumnado non ten demasiadas oportunidades de facelo pola súa conta e, ademais, son actividades que requiren de moita práctica. Do mesmo xeito, creo que a mediación é unha actividade aínda un pouco descoñecida, pero que aporta numerosos beneficios ao alumnado xa que traballa ao mesmo tempo moitas competencias e vive unha experiencia real da situación plurilingüe coa que contamos hoxe en día. Por outra parte, opino que antes de propoñer estas actividades da aula, sería de gran axuda mostrarlle ao alumnado un exemplo do resultado que esperamos por parte deles. Para rematar, gustaríame comentar que as actividades que realizamos na aula fóronme de gran utilidade posto que puiden experimentar como é o proceso de deseño e como se poderían introducir nunha aula os diversos modos comunicativos. Alén diso, poder compartilo co resto de compañeiros e escoitar as súas propostas aportoume outros puntos de vista e opinións moi interesantes que seguro que poderei empregar nun futuro.

Aquí vos deixo varias referencias relacionadas con este tema, espero que vos sexan de utilidade:

De Arriba, C. e Cantero, F. J. (2004) La mediación lingüística en la enseñanza de lenguas. En Didáctica (Lengua y Literatura), vol. 16, 9-21. Recuperado de: https://revistas.ucm.es/index.php/DIDA/article/view/DIDA0404110009A/19322

Corpas, Mª D. e Madrid, D. (2008). Desarrollo de la Comprensión Oral en Inglés como LE al Término de la Educación Secundaria Obligatoria española. En Porta Linguarum, vol. 11, 129-145. Recuperado de: https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=2786793

Rico, J. P., Ramírez, M. S. e Montiel, S. (2016). Desarrollo de la competencia oral del inglés mediante recursos educativos abiertos. En Apertura, vol. 18. Recuperado de: http://www.scielo.org.mx/scielo.php?script=sci_arttext&pid=S1665-61802016000200006

Chowdhury, F. (2018). Application of Rubrics in the Classroom: A Vital Tool for Improvement in Assessment, Feedback and Learning. En International Education Studies, vol 12 (1), 61. Recuperado de: https://www.researchgate.net/publication/329986506_Application_of_Rubrics_in_the_Classroom_A_Vital_Tool_for_Improvement_in_Assessment_Feedback_and_Learning