Mostrando entradas con la etiqueta mediación. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta mediación. Mostrar todas las entradas

Tema 5: Estratexias de comunicación. Actividades da lingua e uso de rubrics.


Ola compañeiros e compañeiras! Logo das vacacións de Nadal, volvemos a lernos nos blogs para tratar os contidos tratados e as actividades realizadas na materia de Didáctica da Ensinanza das Linguas Estranxeiras. Nesta primeira entrada, falareivos sobre o tema 5, no que vimos as catro actividades da lingua ou modos de comunicación: a mediación lingüística, a comprensión oral e escrita, a produción e interacción oral e a produción e interacción escrita. Ademais disto, realizamos diversas actividades prácticas para ilustrar como poderían introducirse estas na aula e falamos sobre o uso das rúbricas na avaliación formativa. Este tema desenvolveuse os días 9, 13 e 15 de xaneiro coa docente Cristina Rodríguez.

En primeiro lugar, as actividades de mediación lingüística son aquelas que posibilitan a comunicación entre persoas que non son capaces, polo motivo que sexa, de comunicarse entre si directamente ou con éxito. A mediación pode darse tanto de maneira oral coma escrita e pode ser interlingüística ou intralingüística. Existen dous tipos principais: a cognitiva (a que se fai de maneira interna) e a relacional (a que empregamos con outras persoas). Neste contexto, a que nos interesa é a relacional que, á súa vez, se pode clasificar en lingüística ou textual, conceptual e social ou cultural. Para introducir esta actividade na aula é interesante, por exemplo, integrar diversas destrezas, cambiar de modos ou rexistros, empregar materiais reais e introducir outras linguas. Relacionado con este último aspecto, é importante ter en conta o concepto de plurilingüismo e perfil plurilingüe, sobre o cal debatemos na clase. Ademais deste debate que nos axudou a coñecer mellor os nosos perfís, na clase tamén realizamos unha actividade consistente en analizar diversos exemplos de actividades de mediación que nos permitiu constatar os obxectivos destas tarefas, así coma as diferentes competencias e estratexias que debe reunir o alumnado para superalas. Finalmente, por grupos tivemos que deseñar unha actividade de mediación e presentarlla ao resto de compañeiros. No meu grupo, deseñamos unha actividade a partir dunhas imaxes en español, na que o alumnado por parellas debería poñerse de acordo para escoller a entrada e o modo de transporte que preferiran para ir a un festival de música. Esta última actividade foi moi interesante porque nos permitiu aplicar a teoría vista á práctica de deseñar unha actividade que fose factible de aplicar nunha aula de Secundaria.

En segundo lugar, temos as actividades de comprensión oral e escrita que poden ser de tipo extensiva (a que se realiza fóra da aula, por exemplo ver películas, ler, etc.) ou intensiva (a realizada na aula). As actividades de comprensión poden ser de diversos tipos, por exemplo, para entender as ideas principais ou datos específicos, para identificar actitudes ou opinións, entender instrucións, etc. Para aplicar con éxito estas actividades na aula, é preciso que se descompoñan en varias fases: unha de presentación para que o alumnado se familiarice co contido ou co vocabulario, unha primeira lectura ou escoita para localizar a información ou comprobar as predicións que se fixeron anteriormente, unha segunda lectura ou escoita onde traballar máis en profundidade o texto, unha post-lectura/escoita na que os alumnos deban trasladar esa información comprendida ou ampliala e unha posta en común final. Para poñer en práctica esta parte da materia, tivemos que elaborar por grupos unha actividade de comprensión para aplicar nunha aula. Xunto coas miñas compañeiras, deseñamos unha actividade de comprensión lectora baseada nun folleto dun museo coa temática da espionaxe e con varios exercicios para levar a cabo as distintas fases que mencionei anteriormente. Durante o desenvolvemento desta actividade, puidemos constatar a importancia de deseñar estas diferentes fases para que a comprensión sexa progresiva e máis significativa.

Por último, as actividades de produción e interacción poden ser tamén escritas ou orais. Debido a que as de escritura consumen moito tempo, soen relegarse a facer na casa; con todo, é interesante que se realicen pequenas producións na aula nas que prime a mensaxe e non a corrección gramatical, e facelas cooperativas e interactivas. Tamén se deben traballar na aula as diferentes fases que deben compoñer o proceso de escritura (unha primeira planificación, a elaboración dun borrador e unha versión final) para que o alumnado poida chegar a un resultado satisfactorio. Na aula, realizamos unha pequena actividade por grupos na que tiñamos que pensar a maneira de poñer en práctica diferentes tarefas. No noso caso, tocounos a de escribir unha pequena reseña e pensamos que un bo xeito de facelo sería visualizando un tráiler dunha película e que logo por grupos o alumnado escribise a súa opinión para recomendarlla ou non aos seus compañeiros. Por outra parte, a produción e interacción oral constitúe unha das actividades máis importantes nas aulas de lingua, principalmente porque son as que menos se poden practicar fóra dela, por iso é fundamental que as tratemos e que o alumnado colla o hábito de falar todos os días na clase, perdendo así o medo e creando un bo ambiente. Para ilustrar esta actividade da lingua, na aula revisamos varias páxinas web con diferentes propostas prácticas e escollemos unha para explicarlle aos nosos compañeiros. Finalmente, tamén puidemos comprobar que as rúbricas son un dos mellores instrumentos para realizar unha avaliación formativa das diferentes actividades da lingua, aínda que, como puidemos comprobar de primeira man, a súa elaboración e redacción é bastante complexa.


Podemos concluír, entón, que todas actividades de lingua son fundamentais e deben tratarse na aula de maneira que non exista separación entre elas, senón que se relacionen. Por exemplo, unha actividade de comprensión pode levarnos a unha de produción ou unha de mediación a outra de comprensión e produción de diversos tipos. É certo que deberíamos darlle a mesma importancia a todas, pero na miña opinión, é fundamental que se practiquen moito as actividades de produción e interacción oral, porque, como xa comentei, o alumnado non ten demasiadas oportunidades de facelo pola súa conta e, ademais, son actividades que requiren de moita práctica. Do mesmo xeito, creo que a mediación é unha actividade aínda un pouco descoñecida, pero que aporta numerosos beneficios ao alumnado xa que traballa ao mesmo tempo moitas competencias e vive unha experiencia real da situación plurilingüe coa que contamos hoxe en día. Por outra parte, opino que antes de propoñer estas actividades da aula, sería de gran axuda mostrarlle ao alumnado un exemplo do resultado que esperamos por parte deles. Para rematar, gustaríame comentar que as actividades que realizamos na aula fóronme de gran utilidade posto que puiden experimentar como é o proceso de deseño e como se poderían introducir nunha aula os diversos modos comunicativos. Alén diso, poder compartilo co resto de compañeiros e escoitar as súas propostas aportoume outros puntos de vista e opinións moi interesantes que seguro que poderei empregar nun futuro.

Aquí vos deixo varias referencias relacionadas con este tema, espero que vos sexan de utilidade:

De Arriba, C. e Cantero, F. J. (2004) La mediación lingüística en la enseñanza de lenguas. En Didáctica (Lengua y Literatura), vol. 16, 9-21. Recuperado de: https://revistas.ucm.es/index.php/DIDA/article/view/DIDA0404110009A/19322

Corpas, Mª D. e Madrid, D. (2008). Desarrollo de la Comprensión Oral en Inglés como LE al Término de la Educación Secundaria Obligatoria española. En Porta Linguarum, vol. 11, 129-145. Recuperado de: https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=2786793

Rico, J. P., Ramírez, M. S. e Montiel, S. (2016). Desarrollo de la competencia oral del inglés mediante recursos educativos abiertos. En Apertura, vol. 18. Recuperado de: http://www.scielo.org.mx/scielo.php?script=sci_arttext&pid=S1665-61802016000200006

Chowdhury, F. (2018). Application of Rubrics in the Classroom: A Vital Tool for Improvement in Assessment, Feedback and Learning. En International Education Studies, vol 12 (1), 61. Recuperado de: https://www.researchgate.net/publication/329986506_Application_of_Rubrics_in_the_Classroom_A_Vital_Tool_for_Improvement_in_Assessment_Feedback_and_Learning

Tema 2: O Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas. Obxectivos, métodos e prioridades da política lingüística europea


A mediación: novos modos de comunicación


O Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCER) é un documento elaborado polo Consello de Europa no ano 2001 que establece os distintos niveis de dominio dunha lingua, coa meta de desenvolver un enfoque de ensinanza de linguas que estea baseado nuns principios comúns para todas as linguas de Europa. Ademais, tamén pretende protexer a diversidade cultural europea, facilitar a mobilidade e a comunicación internacional dos cidadáns e promover o plurilingüismo. Posto que o MCER describe os coñecementos e as destrezas que deben ter os estudantes de linguas, proporciona unha base común para elaborar programas de linguas e facilita a cooperación entre institucións educativas, o recoñecemento de certificados e a labor de toda a comunidade do proceso de ensinanza-aprendizaxe. No ano 2018, elaborouse un volume complementario con novos descritores, denominado Companion Volume with New Descriptors.

O MCER posúe un enfoque centrado na acción e define así calquera uso e aprendizaxe de linguas (páxina 33 da versión en galego):


Fálase tanto de competencias xerais do individuo como de competencias comunicativas lingüísticas. É neste último apartado, onde o MCER engade unha das novidades que consideramos primordiais. Substitúe as catro destrezas típicas no dominio dunha lingua que se propuxeran no ano 1961 (escoita, lectura, escritura e fala) por novas actividades da lingua (comprensión, expresión, interacción e mediación) que se adecúan mellor á realidade da linguaxe, pois reflexan unha aprendizaxe máis colaborativa e na que se poden dar combinacións dos distintos tipos de comunicación, tanto de forma oral coma escrita. A pesar de que a comunidade educativa aplica o establecido no Marco, consideramos pola nosa propia experiencia, que en diversos ámbitos aínda se seguen empregando as catro destrezas tradicionais.



Nesta entrada, en particular, centrarémonos soamente no concepto de mediación visto no Tema 2, que combina os outros tres tipos de comunicación, para falar sobre a súa aplicación nas clases de linguas estranxeiras e das diferenzas que consideramos que mantén coa tradución e a interpretación. Decantámonos por este tema pola relación directa que ten cos estudos da creadora deste blog, graduada en Tradución e Interpetación, e porque ademais consideramos que foi unha novidade do Marco e do Volume moi importante.

O MCER define as actividades de mediación, tanto escritas coma orais, como aquelas que fan posible a comunicación entre persoas que son incapaces, por calquera motivo, de comunicarse entre si directamente. Segundo o Companion Volume, durante a mediación o usuario desa lingua actúa coma axente social axudando a construír ou transmitir un significado, tanto de maneira intralingüística coma interlingüística. Polo tanto, o seu rol é o de crear o espazo e as condicións adecuadas que permitan a comunicación ou a aprendizaxe, colaborando cos interlocutores, animando a estes a que constrúan ou entendan un novo significado e transmitindo nova información dunha forma axeitada.

Coma podemos ver no seguinte cadro extraído do Volume complementario, a mediación pode ser de diversos tipos (textual, conceptual ou de comunicación), para os cales se ofrecen diversas actividades e estratexias.

Parécenos interesante mencionar aquí as características que comparten os diferentes tipos de mediación. A principal é que, durante as actividades de mediación, o usuario da lingua simplemente actúa como intermediario e, polo tanto, esquécese de expresar as súas propias ideas, necesidades ou significados. Non obstante, para levar isto a cabo a persoa mediadora debe ter desenvolvida a súa intelixencia emocional para poder sentir empatía e comprender os puntos de vista e estados de ánimo dos interlocutores. Ademais disto, a persoa debe ser capaz de crear unhas condicións axeitadas para que se dea a comunicación e a cooperación, evitando tensións ou situacións delicadas. Se, alén diso, se trata dunha conversa con dúas linguas, a persoa mediadora deberá posuír competencia cultural e social en ambas. Podemos concluír, entón, que non se dan os tres tipos de mediación por separado, senón que de novo existe unha interrelación e que para poder mediar necesitamos habilidades, competencias e coñecementos que van máis alá da lingua.

Nas clases de linguas estranxeiras podemos aplicar esta competencia de diversas maneiras, algúns exemplos de actividades que ofrece o Marco de mediación son: a tradución ou a interpretación, a paráfrase, o resumo, a toma de notas ou a reformulación. É dicir, podemos, por exemplo, explicar ou aclarar un texto (instrucións, menús, folletos, etc.), dar información ou consellos sobre algún aspecto (emprego, vivenda, ocio, etc.), resumir información extraendo só a necesaria, etc. Na nosa opinión, empregar a mediación na clase de linguas estranxeiras é moi útil posto que reflexa a realidade ao tratarse dunha ferramenta que empregamos na nosa vida cotiá de maneira moi recorrente e, a través dela, os alumnos non só aprenden a falar unha lingua, senón a facer un uso eficiente dela e a tratar diversas competencias (lingüística, cultural, interactiva, estratéxica, etc.).

Aínda que o Marco ofrece coma actividades de mediación a tradución e a interpretación e en numerosas ocasións se poñen coma sinónimos, cremos necesario diferenciar ambas disciplinas. En primeiro lugar, a mediación pode darse dunha mesma lingua ou entre dúas linguas, mentres que a tradución e a interpretación sempre vai ser interlingüística. En segundo lugar, o mediador, durante a transferencia dos contidos, pode seleccionar, reformular, adaptar, ampliar ou resumir aquela información que lle pareza máis relevante, mentres que o tradutor ou intérprete debe facer unha transferencia fiel e completa do texto orixinal. Finalmente, durante a mediación pódese alterar o rexistro ou ton que empregan os interlocutores, con diversas finalidades, pola contra, na tradución e interpretación débese manter o mesmo rexistro e ton do orixinal para trasvasar a mesma intención.

Como conclusión, podemos dicir que a mediación é unha competencia lingüística que ofrece numerosas vantaxes e que difire da profesión de tradutor e intérprete en diversos aspectos. Por último, aínda que cada vez se está aplicando máis nas aulas, consideramos que debería supoñer un eixe fundamental, xa que vai máis alá do aspecto lingüístico e engade un enfoque cultural e afectivo moi importante.

Aquí vos deixo algúns enlaces que me pareceron de interese, un saúdo!

Cores Bilbao, E. (2017). La mediación en el nuevo Marco Común Europeo de Referencia para las Lenguas. En ReALL: Research in Affective Language Learning Centre. Recuperado de: https://reall.es/la-mediacion-en-el-nuevo-marco-comun-europeo-de-referencia-para-las-lenguas/

Instituto Cervantes (2001). Marco común europeo de referencia para las lenguas: aprendizaje, enseñanza, evaluación. Madrid: MECD-Anaya. Recuperado de: https://cvc.cervantes.es/ensenanza/biblioteca_ele/marco/

Polo Pérez, N. (s.f.). Did you have a nice time? Actividades de mediación lingüística y traducción pedagógica en niveles iniciales y la concienciación sobre la interferencia. Instituto Cervantes de Leeds y Centro de Lenguas de la Universidad de Durham. Recuperado de: https://cvc.cervantes.es/ensenanza/biblioteca_ele/publicaciones_centros/PDF/manchester_2013-2014/04_polo.pdf

Sánchez Castro, M. (2013). La mediación en clase de ELE: una actividad potenciadora de la competencia plurilingüe e intercultural. Asociación para la Eseñanza del Español como Lengua Extranjera. Recuperado de: https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=5423282