A mediación:
novos modos de comunicación
O Marco Común
Europeo de Referencia para as Linguas (MCER) é un documento elaborado polo
Consello de Europa no ano 2001 que establece os distintos niveis de dominio dunha
lingua, coa meta de desenvolver un enfoque de ensinanza de linguas que estea
baseado nuns principios comúns para todas as linguas de Europa. Ademais, tamén
pretende protexer a diversidade cultural europea, facilitar a mobilidade e a
comunicación internacional dos cidadáns e promover o plurilingüismo. Posto que
o MCER describe os coñecementos e as destrezas que deben ter os estudantes de
linguas, proporciona unha base común para elaborar programas de linguas e facilita
a cooperación entre institucións educativas, o recoñecemento de certificados e
a labor de toda a comunidade do proceso de ensinanza-aprendizaxe. No ano 2018,
elaborouse un volume complementario con novos descritores, denominado Companion Volume with New Descriptors.
O MCER posúe un
enfoque centrado na acción e define así calquera uso e aprendizaxe de linguas
(páxina 33 da versión en galego):
Fálase tanto de
competencias xerais do individuo como de competencias comunicativas
lingüísticas. É neste último apartado, onde o MCER engade unha das novidades
que consideramos primordiais. Substitúe as catro destrezas típicas no dominio
dunha lingua que se propuxeran no ano 1961 (escoita, lectura, escritura e fala)
por novas actividades da lingua (comprensión, expresión, interacción e
mediación) que se adecúan mellor á realidade da linguaxe, pois reflexan unha
aprendizaxe máis colaborativa e na que se poden dar combinacións dos distintos
tipos de comunicación, tanto de forma oral coma escrita. A pesar de que a
comunidade educativa aplica o establecido no Marco, consideramos pola nosa
propia experiencia, que en diversos ámbitos aínda se seguen empregando as catro
destrezas tradicionais.
Nesta entrada, en particular, centrarémonos soamente no concepto de mediación visto no Tema 2, que combina os outros tres tipos de comunicación, para falar sobre a súa aplicación nas clases de linguas estranxeiras e das diferenzas que consideramos que mantén coa tradución e a interpretación. Decantámonos por este tema pola relación directa que ten cos estudos da creadora deste blog, graduada en Tradución e Interpetación, e porque ademais consideramos que foi unha novidade do Marco e do Volume moi importante.
O MCER define as actividades de mediación, tanto
escritas coma orais, como aquelas que fan posible a comunicación entre persoas
que son incapaces, por calquera motivo, de comunicarse entre si directamente.
Segundo o Companion Volume, durante a
mediación o usuario desa lingua actúa coma axente social axudando a construír
ou transmitir un significado, tanto de maneira intralingüística coma
interlingüística. Polo tanto, o seu rol é o de crear o espazo e as condicións
adecuadas que permitan a comunicación ou a aprendizaxe, colaborando cos
interlocutores, animando a estes a que constrúan ou entendan un novo
significado e transmitindo nova información dunha forma axeitada.
Coma podemos ver
no seguinte cadro extraído do Volume complementario, a mediación pode ser de
diversos tipos (textual, conceptual ou de comunicación), para os cales se
ofrecen diversas actividades e estratexias.
Parécenos
interesante mencionar aquí as características que comparten os diferentes tipos
de mediación. A principal é que, durante as actividades de mediación, o usuario
da lingua simplemente actúa como intermediario e, polo tanto, esquécese de
expresar as súas propias ideas, necesidades ou significados. Non obstante, para
levar isto a cabo a persoa mediadora debe ter desenvolvida a súa intelixencia
emocional para poder sentir empatía e comprender os puntos de vista e estados
de ánimo dos interlocutores. Ademais disto, a persoa debe ser capaz de crear
unhas condicións axeitadas para que se dea a comunicación e a cooperación,
evitando tensións ou situacións delicadas. Se, alén diso, se trata dunha
conversa con dúas linguas, a persoa mediadora deberá posuír competencia
cultural e social en ambas. Podemos concluír, entón, que non se dan os tres
tipos de mediación por separado, senón que de novo existe unha interrelación e
que para poder mediar necesitamos habilidades, competencias e coñecementos que
van máis alá da lingua.
Nas clases de
linguas estranxeiras podemos aplicar esta competencia de diversas maneiras,
algúns exemplos de actividades que ofrece o Marco de mediación son: a tradución
ou a interpretación, a paráfrase, o resumo, a toma de notas ou a reformulación.
É dicir, podemos, por exemplo, explicar ou aclarar un texto (instrucións,
menús, folletos, etc.), dar información ou consellos sobre algún aspecto
(emprego, vivenda, ocio, etc.), resumir información extraendo só a necesaria,
etc. Na nosa opinión, empregar a mediación na clase de linguas estranxeiras é
moi útil posto que reflexa a realidade ao tratarse dunha ferramenta que
empregamos na nosa vida cotiá de maneira moi recorrente e, a través dela, os
alumnos non só aprenden a falar unha lingua, senón a facer un uso eficiente
dela e a tratar diversas competencias (lingüística, cultural, interactiva,
estratéxica, etc.).
Aínda que o Marco
ofrece coma actividades de mediación a tradución e a interpretación e en
numerosas ocasións se poñen coma sinónimos, cremos necesario diferenciar ambas disciplinas. En primeiro lugar, a mediación pode
darse dunha mesma lingua ou entre dúas linguas, mentres que a tradución e a
interpretación sempre vai ser interlingüística. En segundo lugar, o mediador,
durante a transferencia dos contidos, pode seleccionar, reformular, adaptar,
ampliar ou resumir aquela información que lle pareza máis relevante, mentres
que o tradutor ou intérprete debe facer unha transferencia fiel e completa do
texto orixinal. Finalmente, durante a mediación pódese alterar o rexistro ou
ton que empregan os interlocutores, con diversas finalidades, pola contra, na
tradución e interpretación débese manter o mesmo rexistro e ton do orixinal para trasvasar a mesma intención.
Como conclusión,
podemos dicir que a mediación é unha competencia lingüística que ofrece
numerosas vantaxes e que difire da profesión de tradutor e intérprete en
diversos aspectos. Por último, aínda que cada vez se está aplicando máis nas
aulas, consideramos que debería supoñer un eixe fundamental, xa que vai máis
alá do aspecto lingüístico e engade un enfoque cultural e afectivo moi
importante.
Aquí vos deixo
algúns enlaces que me pareceron de interese, un saúdo!
Cores Bilbao, E. (2017). La
mediación en el nuevo Marco Común Europeo de Referencia para las Lenguas.
En ReALL: Research in Affective Language Learning Centre. Recuperado de: https://reall.es/la-mediacion-en-el-nuevo-marco-comun-europeo-de-referencia-para-las-lenguas/
Instituto Cervantes (2001). Marco común
europeo de referencia para las lenguas: aprendizaje, enseñanza, evaluación.
Madrid: MECD-Anaya. Recuperado de: https://cvc.cervantes.es/ensenanza/biblioteca_ele/marco/
Polo Pérez, N. (s.f.). Did
you have a nice time? Actividades de mediación lingüística y traducción
pedagógica en niveles iniciales y la concienciación sobre la interferencia.
Instituto Cervantes de Leeds y Centro de Lenguas de la Universidad de Durham.
Recuperado de: https://cvc.cervantes.es/ensenanza/biblioteca_ele/publicaciones_centros/PDF/manchester_2013-2014/04_polo.pdf
Sánchez Castro,
M. (2013). La mediación en clase de ELE:
una actividad potenciadora de la competencia plurilingüe e intercultural. Asociación
para la Eseñanza del Español como Lengua Extranjera. Recuperado de: https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=5423282



No hay comentarios:
Publicar un comentario