Antes de nada, penso que é necesario diferenciar entre as programacións didácticas e as programacións de aula. As primeiras están elaboradas polo departamento de cada materia para cada curso ou etapa e planifican o proceso de ensinanza e aprendizaxe para ese ano, mentres que as de aula elabóraas o docente responsable e integran as programacións didácticas, secuenciando as unidades didácticas para cada grupo ou clase e adaptándoas ás necesidades específicas da clase.
En canto ás
programacións didácticas da ESO e Bacharelato, cada ano publícase unha
resolución para a implantación do currículo nos centros e nela dítanse as
instrucións para realizar as programacións. En xeral, estas deben conter os
elementos que aparecen na seguinte infografía, con todo, coma ben puidemos
comprobar na actividade realizada na aula, á maioría das programacións que un
pode atopar publicadas dos centros fáltanlles elementos ou a súa organización non
garda coherencia. Ademais, non existe unha homoxeneización ou estandarización
entre programacións didácticas de diferentes centros; cada un decide como
facela. Moitas delas tampouco engaden as unidades didácticas correspondentes,
pero, aínda que por lei non é obrigatorio, penso que estas axudarían a que
houbese coherencia entre os distintos elementos da programación (contidos,
obxectivos, criterios e estándares de aprendizaxe).

No relativo á FP,
as programacións didácticas elabóranse para cada módulo profesional e a gran
diferenza é que os centros deste tipo de educación contan cunha aplicación informática e un manual para poder elaboralas,
tendo coma resultado unha maior homoxeneidade entre os centros educativos.
Ademais dos elementos vistos anteriormente, nestas programacións xa é
obrigatorio que estean presentes as unidades didácticas. Finalmente, para a EOI
tamén existe un modelo (a chamada guía curricular), que ofrece máis
harmonización entre os diferentes centros, e os elementos que debe conter son
similares aos do resto de niveis educativos.
Por último,
podemos concluír que polo que comprobamos na clase analizando varios exemplos
reais de programacións didácticas, estas difiren moito entre si e fáltalles
moita coherencia entre os elementos. Existe unha inspección educativa que
comproba a adecuación das programacións ao que se establece nas disposicións e indica
modificacións ou correccións, sen embargo, segue habendo moitas carencias. Na
miña opinión, para mellorar esta situación na ESO e no Bacharelato, axudaría
moito que os docentes tivesen á súa disposición un manual ou unha aplicación
(coma na FP) para poder realizalas, posto que actualmente a administración
soamente dá unhas orientacións bastante xerais. Baixo o meu punto de vista, os
centros non acostuman darlle demasiada importancia á elaboración da
programación didáctica, cando é algo esencial que pautará o desenvolvemento do
curso e que pode ser útil para todos os axentes implicados neste proceso: os
propios docentes, o alumnado e a familia.
A continuación,
comparto convosco varias referencias de utilidade:
Arjona, M. L.
(2010). Importancia y elementos de la
programación didáctica. En Revista Educativa Digital – Hekademos, nº 7.
Cantón, I. e
Pino, M. (2011). Diseño y desarrollo del
currículum. Alianza Editorial: Madrid.
López de los
Mozos, J. (2017). Guía LOMCE. Análisis y
estudio de la programación didáctica en secundaria. Educàlia Editorial:
Valencia.
Solbes, R.
(2018). Programación didáctica versus
programación de aula. Recuperado de: https://raulsolbes.com/2018/09/05/programacion-didactica-versus-programacion-de-aula/



