Mostrando entradas con la etiqueta diario. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta diario. Mostrar todas las entradas

Tema 5: O deseño curricular base (DIARIO)


Ola de novo! Nas entradas denominadas diario compartirei convosco os contidos vistos na materia de “As Linguas Estranxeiras no Contexto Español e Internacional”, así coma outros relacionados e as miñas reflexións ao respecto. No primeiro tema visto co docente Gonzalo Constenla, tratamos o deseño curricular base, en concreto a situación das linguas estranxeiras na ESO, no Bacharelato e na Formación Profesional, así coma o regulamento das Escolas Oficiais de Idiomas.


O deseño do currículo é a regulación dos elementos (obxectivos, competencias, contidos, estándares de aprendizaxe, criterios de avaliación e metodoloxía) que determinan os procesos de ensino e aprendizaxe para todas as ensinanzas. Este inclúe diversas competencias, as denominadas competencias clave que son sete e veñen determinadas pola Unión Europea. En canto á distribución competencial, hai tres niveis de concreción curricular, aínda que soe engadirse un cuarto coma podemos ver na seguinte ilustración:

O Goberno do Estado é quen determina os contidos, os estándares de aprendizaxe, os criterios de avaliación e o horario lectivo mínimo. O Ministerio de Educación, pola súa parte, determina os criterios de avaliación final relacionados cos contidos dos bloques troncais e específicos e as características das probas, así coma o deu deseño e os seus contidos. Posteriormente, é o goberno de cada Comunidade Autónoma quen complementa os contidos das disciplinas troncais, establece as de libre configuración e específicas, complementa os criterios de avaliación, establece os estándares de aprendizaxe, fixa o horario máximo e fai recomendacións de metodoloxía. Por último, os centros complementan os contidos e configuran a súa oferta educativa, deseñan e implantan a metodoloxía e determinan a carga horaria de distintas disciplinas. Coma podemos ver, os elementos curriculares veñen na súa maioría establecidos polo primeiro nivel de concreción, o único aspecto sobre o que os docentes poden ter un pouco de liberdade é o da metodoloxía. Ao fin e ao cabo, a través dos métodos didácticos e pedagóxicos vese como é un profesor, polo que ten lóxica que se lle dea autonomía para desenvolver este aspecto.

En canto á situación das linguas estranxeiras, a LOMCE establece, tanto para a ESO coma para Bacharelato, o obxectivo de comprender e expresarse con fluidez e corrección nunha ou máis linguas estranxeiras, a través dunha metodoloxía activa e participativa, fomentando a expresión oral, cun enfoque multidisciplinar e tendo en conta as necesidades específicas de cada alumnado. Pola súa parte, a FP ten coma obxectivo desenvolver habilidades lingüísticas básicas para comunicarse en situacións cotiás e profesionais. Finalmente, as Escolas Oficiais de Idiomas seguen un réxime especial con distinta distribución competencial.

Aínda que a maioría destes conceptos sobre o deseño curricular xa os tratáramos nas materias do módulo común, non profundáramos na situación das linguas estranxeiras nin na súa organización. Un aspecto completamente novo foi o do réxime das EOI, pois ata agora non se nos falara sobre a súa organización e considero que é un aspecto fundamental, xa que é unha das posibles ramas ás que podemos acceder coma docentes de linguas estranxeiras.

Para finalizar, aquí os deixo varios enlaces relacionados con este tema que me parecen de interese, un saúdo compañeiros e compañeiras!

Portal sobre linguas estranxeiras na educación da Xunta de Galicia: http://www.edu.xunta.gal/portal/es/linguasestranxeiras/

Portal web da LOMCE: https://www.educacionyfp.gob.es/educacion/mc/lomce/inicio.html

Xunta de Galicia (2012). As linguas estranxeiras no sistema educativo de Galicia: percepcións do profesorado, do alumnado e das súas familias ao remate do bacharelato. Recuperado de: https://www.edu.xunta.gal/portal/sites/web/files/protected/content_type/file/2013/01/10/informe_2010-2011.pdf