Tema 4: A avaliación na aula de linguas estranxeiras: avaliación inicial, formativa e final, e uso de descritores


Ola de novo a todas e a todos! Nesta entrada do blog tratarei os contidos vistos na última sesión (día 4 de febreiro) coa docente Cristina, que versou sobre a avaliación e o uso de rúbricas na aula de linguas estranxeiras. Avaliar consiste en recoller datos de maneira sistemática para tomar decisións dentro do proceso de ensino-aprendizaxe e debe facerse de maneira transparente, consistente e presentando uns obxectivos claros (ollo, non confundir con cualificar, que é soamente poñer unha nota numérica!). Existen diversos tipos de avaliacións: a inicial ou diagnóstica, a formativa ou continua e a sumativa ou final. Ademais de que o docente avalíe aos alumnos, que sería a chamada heteroavaliación, o alumnado tamén se pode avaliar a si mesmo, é dicir, facer unha autoavaliación, ou avaliarse entre os compañeiros, levar a cabo unha coavaliación. Do mesmo xeito, é fundamental que o profesorado avalíe a súa propia práctica docente para ver se é preciso modificar algún aspecto da metodoloxía empregada.


En primeiro lugar, a avaliación inicial ou diagnóstica é aquela que se leva a cabo para saber de onde partimos, é dicir, que contidos, destrezas e habilidades xa teñen adquiridas os alumnos. Penso que é preciso facer este tipo de avaliación non só ao principio do curso, senón tamén ao comezo de novas unidades para asegurarnos en todo momento de que o alumnado conta cos recursos precisos para chegar aos obxectivos marcados e, tamén, para que estes se familiaricen cos contidos que se van tratar. Por outro lado, a avaliación formativa ou continua, denominada en inglés como assessment for learning, consiste en monitorar a aprendizaxe dos alumnos de maneira continua e proporcionarlles feedback para que poidan identificar os seus puntos fortes e débiles e centrarse no que poden mellorar. Esta tamén permite ao profesor identificar as áreas nas que os alumnos teñen máis dificultades e tomar decisións en canto á modificación da metodoloxía, á implementación de reforzo, entre outras medidas. Por último, a avaliación sumativa ou final comprende a suma de todos os resultados obtidos nas avaliacións co obxectivo de acreditar os coñecementos adquiridos e cualificar ou certificar ese proceso de aprendizaxe.

Aínda que os tres tipos de avaliación son precisos e fundamentais no proceso de ensino-aprendizaxe, na miña opinión, o tipo máis importante é a avaliación formativa, xa que ocorre nun prazo máis longo e continuado no tempo e permite o progreso efectivo na aprendizaxe por parte dos alumnos e a mellora da labor docente. Canta máis información vaiamos recollendo dun alumno ao longo do curso, saberemos mellor como avanza e o que debe facer para alcanzar os obxectivos propostos. Con todo, non serviría de nada recoller datos do progreso do alumnado se non somos capaces de proporcionarlles feedback para que poidan actuar ante calquera problema. O feedback pode dárselle ao alumnado de maneiras moi diferentes, a máis coñecida é cunha nota numérica, pero outras máis efectivas serían a través de comentarios por escrito ou reunións presenciais na aula de maneira informal, por exemplo. Durante a sesión, fixemos un debate sobre as vantaxes e desvantaxes dos distintos xeitos de dar feedback e concluímos que unha das mellores formas é facelo mediante comentarios, pero asegurándonos sempre de que o alumnado asimila correctamente esa información e a entende. Na miña opinión, unha nota numérica non aporta información sobre como mellorar e pode ter moitas desvantaxes tales coma a competitividade e a comparativa entre compañeiros, a relaxación ou frustración, etc. Sen embargo, estamos tan habituados a este sistema que resulta complicado cambialo e penso que o alumnado estaría un pouco perdido ao principio se non lle aportamos unha cualificación. Relacionado con este tipo de avaliación, atopei moi útil o que discutimos na sesión sobre as diferentes estratexias para poder incorporar de maneira efectiva a avaliación formativa na aula. É importante, en primeiro lugar, que compartamos co alumnado o que se espera deles. Isto pode facerse, por exemplo, traballando coas rúbricas para que se familiaricen con elas, empregando mostras de traballos exemplares, etc. Con todo, unha das propostas para levar isto a cabo e que considero que serán máis efectivas é a da coavaliación e autoavaliación; a través das cales conseguiremos que os alumnos se responsabilicen da súa propia aprendizaxe e da dos seus compañeiros, ao mesmo tempo que adquiren unha habilidade que lles será útil para toda a súa vida.

Unha vez tratados os diferentes tipos de avaliación, é interesante coñecer os instrumentos que podemos deseñar e empregar para levalas a cabo. Os exames, aínda que útiles para avaliar certos aspectos, non resultan eficaces nin xustos para a recollida de datos sistemática. O feito de realizar un exame nun día en concreto pode condicionar o resultado do alumnado, xa que interveñen factores de medo, ansiedade, nervios, problemas puntuais, etc., polo que non nos estará amosando a realidade completa do proceso de aprendizaxe dese alumno. Existen outros instrumentos máis innovadores e que se adaptan mellor á realidade actual, tales coma as listas de chequeo, a observación, os sondeos, as charlas e entrevistas, as rúbricas, os baremos, os diarios, etc. Coma vos adiantaba na entrada anterior, as rúbricas constitúen un dos mellores instrumentos para a avaliación formativa das diferentes actividades da lingua porque, por un lado, o alumno pode comprobar de maneira sinxela o nivel no que se atopa e o que debe facer para avanzar na escala e, por outro lado, son moi fáciles de empregar polo docente. Non obstante, para que o seu uso resulte favorable deben estar moi ben redactadas, ser descritivas e amosar os obxectivos de aprendizaxe de maneira clara. Para que unha rúbrica sexa unha rúbrica, debe conter tres elementos: unha escala de cualificación, uns criterios e unhas descricións. Os criterios deben ser claros e que se poidan describir en diferentes niveis, e escala debe dividirse por niveis e ser coherente cos criterios e descricións que se empreguen e, finalmente, as descricións deben ser progresivas, reflectir de maneira completa o que se espera do alumnado e amosar unha linguaxe sinxela.

Para concluír, gustaríame engadir que na aula levamos a cabo numerosas actividades para poñer en práctica toda a teoría tratada. A maioría delas desenvolvéronse en forma de debates, primeiro por parellas ou tríos e logo entre todos, para comprobar tanto os nosos coñecementos previos ao tema coma para expresar a nosa opinión ao respecto. Atopo este tipo de debates moi enriquecedores porque non só nos permiten reflexionar sobre o tema de maneira individual durante uns minutos para asimilar a información, senón que a opinión do resto de compañeiros permítenos ampliar as nosas fronteiras e ver temas que ao mellor non consideráramos. Ademais, realizamos un par de actividades máis prácticas consistentes en volver á actividade de mediación que deseñáramos anteriormente e aplicarlle unha avaliación formativa. No meu grupo, decidimos empregar unha lista de chequeo que poidan usar tanto o docente coma os propios alumnos para realizar unha autoavaliación e unha coavaliación da tarefa. A modo de comentario final, dicir que este tema pareceume moi interesante porque, a pesar de telo tratado noutras materias, aínda tiña moitas dúbidas ao respecto. Penso que a avaliación require de moito tempo por parte do docente, tanto fóra da aula coma dentro, se pretendemos formar ao noso alumnado a realizar autoavaliacións e coavaliacións. No entanto, os beneficios que aporta son abismais, tal coma demostran diversos estudos. Na miña opinión, deberíamos ir esquecéndonos das notas numéricas e empregar outras formas de avaliación que sexan probas verídicas da aprendizaxe de cada alumno.

Aquí vos deixo algúns enlaces de interese, saúdos!

British Council (s.f.). Assessment for Learning. Recuperado de: https://www.teachingenglish.org.uk/article/assessment-learning

Cortés de las Heras, J. (2014). Diseño de rúbricas. Cuaderno de instrumentos de evaluación #2. Recuperado de: https://www.santiagoapostolcabanyal.es/wp-content/uploads/2017/08/Dise%C3%B1o-de-r%C3%BAbricas.pdf

Ezeiza Ramos, J. (s.f.) Instrumentos para la evalución formativa en los programas de enseñanza de lengua con fines específicos. XX Congreso Internacional de la Asociación para la Enseñanza del Español como Lengua Extranjera (ASELE). Recuperado de: https://cvc.cervantes.es/ensenanza/biblioteca_ele/asele/pdf/20/20_0392.pdf

Wride, M. (2017). Guide to Peer Assessment. University of Dublin: Trinity College. Recuperado de: https://www.tcd.ie/CAPSL/assets/pdf/Academic%20Practice%20Resources/Guide%20to%20Student%20Peer%20Assessment.pdf

2 comentarios:

  1. Ola Alba!
    Acabo de leer a túa entrada e chamoume a atención varias cousas que escribiches. Eu considero a avaliación inicial máis importante porque, na miña experiencia persoal, os fracasos nas aulas de idiomas débense moitas veces a que as ensinanzas do docente están moi por enriba ou por debaixo do nivel real do alumnado. Aínda así, tamén considero que a avaliación formativa é moi importante, xa que aprender unha lingua é un proceso longo e a correcta monitorización del axúdalle aos estudantes a avanzar máis rápido e a rectificar erros antes de que se convirtan nun hábito.
    Estou moi de acordo en que a cualificacións non poden ser o único método de feedback pero que é ao que están acostumados. A pesar de que as notas dan lugar a comparacións e frustracións, é o sistema ao que están acostumados, polo que eu optaría por un cambio progresivo ás checklists e ás reunións para que os alumnos puideran acostumarse a un novo sistema sen que se amotinen na clase.
    Un saúdo!

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Ola, Lidia!
      Moitas grazas polo teu comentario. A verdade é que considero que todos os tipos de avaliación son importantes e chaves para o proceso de ensinanza-aprendizaxe. Concordo contigo en que, moitas veces, nas aulas de linguas estranxeiras o problema é que os contidos non están ao nivel real do alumnado, o que se arranxaría levando a cabo unha boa avaliación inicial.
      Por último, tamén penso que o cambio cara novos instrumentos de avaliación debe ser gradual e combinado, senón pode ter graves consecuencias!
      Graciñas de novo :)

      Eliminar